Vigo abre a temporada de festas sen saber se poderán instalarse as grandes atraccións
Os feirantes non presentaron aínda todos os documentos que esixe o Concello, que reforzou os controis tras o accidente do Saltamontes
A festa está no aire porque o chan está baleiro. As festas da Virxe da Consolación do barrio de Coia, unhas das maiores de cada ano en Vigo, comezan este sábado sen saber. aínda, se haberá grandes atraccións. De momento os feirantes non presentaron todos os permisos que require o Concello, que reforzou os controis tras o accidente mortal do Saltamontes, nas festas da parroquia de Matamá, en 2024.
O goberno municipal xa autorizou algúns postos pero case todos pequenos. E en Coia só está colocada unha atracción das grandes. É un aparello novo, mercado hai pouco tempo, que conta con toda a documentación.
"Non vai haber atraccións como case sempre. Das grandes non vén ningunha, só esa que está montada, porque queren que lles traian os papeis de fábrica conforme están revisadas, son novas e están en condicións. E, mentres non presenten iso, non veñen", asegura o responsable das atraccións na comisión de festas de Coia, Emilio Rodríguez.
Mentres espera noticias, a comisión de festas fai números. As grandes atraccións son un dos elementos que atraen máis xente e tamén unha das principais fontes de ingresos para os organizadores, polas taxas que pagan por se instalar.
En Coia teñen que pagar os concertos deste ano, xa confirmados, nos que volverán tocar orquestras moi coñecidas, sabendo que aínda arrastran débedas do ano pasado, cando non se instalou ningunha das atraccións grandes.