Veciños de Palas de Rei piden máis seguridade tras o incendio na planta local de reciclaxe
A fábrica está moi próxima ás casas, e é o segundo incendio en poucos meses
Arderon centos de colchóns que se almacenaban no exterior da planta
Dous incendios en pouco tempo nunha planta de reciclaxe de colchóns de Palas de Rei ten en tensión os veciños da aldea de Marzá.
"É o segundo incendio, outro día prende, estamos rodeados e aquí ardemos todos", explica unha veciña.
O último incendio foi o venres. Arderon uns 500 colchóns que se almacenaban no exterior da planta. Este martes aínda saía fume de entre os cascallos. Os veciños aseguran que pasaron medo.
"Estás respirando ese fume tóxico, non poden ter unha planta nesas condicións sen un protocolo de evacuación ou illamento", di unha veciña.
A planta está moi próxima ás casas e desde que a instalaron din os veciños que condiciona a súa vida. Hai días que non poden saír das casas.
"Desde que a instalaron quéimanse as hortas"; di unha veciña, outro veciño engade: "ao principio queimaban seguido e había mal olor, eu creo que esa actividade non é para estar aquí pegada ás casas. Tiña que estar nun polígono industrial".
Os veciños piden máis seguridade ou o traslado da planta a unha zona afastada das casas.