Veciños do barrio das Eiroás en Ourense quéixanse do aumento dos roubos
As forzas de seguridade investigan o último roubo, nunha vivenda, sen que polo de agora deran co autor ou autores dos feitos
No barrio das Eiroás, na cidade de Ourense, contan os veciños que xa non viven coa tranquilidade de sempre.
"Un pouco máis de falta de seguridade porque levan un tempo que están entrando seguido, nunha semana en tres sitios, dúas casas e agora esta. Aínda que anda a policía non se da controlado, é diferente estar máis tranquilos que estar pendentes de se che van vir".
De feito, unha das casas do barrio foi un dos últimos obxectivos dos ladróns. Entraron na vivenda contra a noitiña a pasada fin de semana aproveitando a ausencia da propietaria. Accederon á casa tras romper a fiestra e a persiana dun dos cuartos.
"Levaron cousa pequena, o que lle era máis fácil de transportar porque tiñan que saltar varios valados. Colleron unha mochila, a da miña sobriña e levaron xoias, algunhas cousas tecnolóxicas, baterías, calculadoras, algún teléfono e os poucos cartos que podía ter a miña irmá por aí tamén llos atoparon".
Na leira lindeira estaban os camións da empresa de José, que foron tamén obxectivo dos ladróns.
"Están os tapóns todos forzados, rotos no chan, mirei no resto de vehículos que tiña: tres fóra e dous dentro e roubaron o gasóleo dos cinco. Unha máis para rematar".
A carón do barrio das Eiroás está o de Covadonga. Pensan os veciños que o paso de toxicómanos pola zona é un dos motivos polo que se incrementou a delincuencia nos últimos meses.
"Hai que ter moito coidado porque soben e baixan moito máis que antes, e ademais rouban. Xusto os que vivíamos aquí ao lado respectaban máis, pero agora non. A verdade é que da algo máis de medo".
"Dende o cables da luz na rúa, o cable dun guindastre que teño eu nunha obra, ferramenta, cartos dos obreiros, saes un momentiño e xa os tes dentro do coche".
As forzas de seguridade investigan o último roubo sen que polo de agora deran co autor ou autores dos feitos.