Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xoán Vázquez Mao: "A situación en Portugal é de inestabilidade crónica"

Xoán Vázquez Mao: "A situación en Portugal é de inestabilidade crónica"

O secretario xeral do Eixo Atlántico prognostica que as eleccións lexislativas deste domingo deixarán un panorama incerto

Xoán Vázquez Mao pídelles ás forzas políticas galegas que traballen unidas para que o tren Vigo-Porto sexa unha prioridade

G24.gal 17/05/2025 14:44 Última actualización 17/05/2025 17:58

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, está convencido de que a inestabilidade política continuará no país veciño tras as eleccións lexislativas deste domingo, as segundas en pouco máis dun ano.

Nunha entrevista na Radio Galega, afirmou que o desánimo calou na sociedade portuguesa, que non está afeita a ter eleccións tan a miúdo porque sempre foi un país estable.

"A situación en Portugal agora mesmo definiríase de inestabilidade crónica. Creo que se vai repetir, con pequenas variables, a mesma situación parlamentaria e Portugal distará de entrar na senda da estabilidade que tivo cando foi o milagre económico".

O que ocorra no país veciño este domingo pode ter efectos tamén en Galicia porque hai proxectos compartidos, que dependen das decisións dos Gobernos de Lisboa e Madrid.

O tren Vigo-Porto é o de maior calado. Xoán Vázquez Mao considera factible que sexa unha realidade para 2032. En todo caso, pídelles ás forzas políticas galegas que actúen con unidade para que esa conexión entre as dúas beiras do Miño sexa unha prioridade. 

"As grandes infraestruturas precisan dun pacto de Estado,  a nivel español e a nivel galego, entre as grandes forzas. Nós avogados por un pacto entre o PP, o BNG e o PSOE, que despois sexan quen de entenderse con Madrid e de premer a Madrid, como -por exemplo- no seu momento fixo Fraga con Felipe González, e de alí chegaron as autovías. Polo tanto, primeiro é sacalo da loita política; e segundo, facer un gran pacto do que interese ao país e do que interesa aos galegos e galegas".

Xoán Vázquez Mao puxo como exemplo de traballo conxunto de todo un país o aeroporto de Sá Carneiro, no Porto, ó que -por certo- acoden milleiros de galegos cada ano.

"Para eles, o aeroporto do Porto é o aeroporto de todos e a partir de aí fixeron un deseño moi intelixente de liñas, que superan os 60 destinos. Polo tanto, teñen moitos destinos -máis que os tres aeroportos galegos xuntos- son destinos permanentes e teñen enlaces aos principais 'hubs' ou puntos de conexión do mundo. Esas son as claves do éxito de Sá Carneiro: non localismos, ampliar o mapa de destinos e dar mellor loxística e mellores prezos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade