Varios países europeos amplían o uso do certificado de vacinación
En Austria os non vacinados enfróntanse a multas de ata 3.600 euros
En Italia e Grecia a inmunización é obrigatoria nalgúns tramos de idade
Os contaxios levan dúas semanas subindo en Europa, polo que varios países optan por elevar a presión sobre os non vacinados. Algúns mesmo con multas de varios miles de euros.
Os contaxios medraron un 46 por cento na última semana do ano en Europa, onde a maioría dos países están en situación de risco elevado, segundo datos do Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades. Por iso algúns están implantando medidas drásticas para estreitar o cerco sobre os non vacinados.
Francia prevé aprobar a próxima semana o pasaporte de vacinación, que será imprescindible para acceder a restaurantes, museos, ximnasios e certos transportes.
En Italia, a partir do 15 de febreiro a vacina será obrigatoria para os maiores de 50 anos. Unha medida similar xa foi aprobada en Grecia para os cidadáns maiores de 60.
Alemaña tamén quere facer obrigatoria a inmunización, o mesmo que Austria, onde os non vacinados terán que pagar multas de ata 3.600 euros.