Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nove detidos en Melilla pola presunta compra de votos por correo

Nove detidos en Melilla pola presunta compra de votos por correo

Enmárcanse nunha operación aberta pola Xefatura Superior de Policía

Este martes houbo media ducia de detencións que se suman a outras tres deste luns 

G24.gal 23/05/2023 11:12 Última actualización 23/05/2023 15:10

A Policía Nacional detivo varias persoas este martes en Melilla pola súa presunta implicación na suposta fraude electoral do voto por correo que podería levarse a cabo nas eleccións do 28 de maio.

Segundo informaron fontes da Delegación do Goberno en Melilla, xa hai unha operación aberta pola Xefatura Superior de Policía, rexistráronse dez puntos da cidade autónoma, entre eles dependencias de Coalición por Melilla, partido cuxo líder foi condenado no pasado precisamente por mercar votos.

Foron detidas polo menos seis persoas. Unha delas é o número 3 das listas de Coalición por Melilla, Mohamed Ahmed Al-lal, actualmente conselleiro de Distritos, Xuventude e Participación Cidadá no goberno e que foi viceconselleiro de Novas Tecnoloxías.

A esta media ducia de detencións hai que engadir outras tres detencións que tiveron lugar este luns relacionadas con esta mesma causa, que o xuíz declarou secreta.

A investigación polo caso de votos por correo está baixo segredo de sumario pero algunhas informacións apuntan a que os detidos serían os encargados de captar familias desfavorecidas da cidade e comprarlles o seu voto a cambio duns cen euros.

As alarmas saltaron ao comprobarse como subían as solicitudes de voto por correo na cidade autónoma, máis do 20% de todo o censo, cando a media estatal está no 3%. Solicitáronse máis de once mil votos, e o 16% deles xa se presentaron en Correos.

Os indicios de fraude levaron a Xunta Electoral a obrigar os votantes a identificarse co DNI. A policía tamén escolta os carteiros de Melilla, que sufriron varios roubos de documentación para votar. Vixíanse, ademais, as entradas e saídas da cidade, para evitar a fuga de sacas con papeletas. De feito, algúns medios apuntan a un intento de suborno de funcionarios de Correos en Barcelona.

Dende o Goberno, esta operación demostra que "o Estado de dereito funciona, os nosos procesos electorais son garantistas, por iso, ante unha anomalía, actuouse policialmente e xudicialmente". Segundo a voceira do executivo, Isabel Rodríguez, "constátase que en España ninguén pode saltarse as normas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade