Usan IA xenerativa para facerse pasar polo xefe, nova estafa da ciberdelincuencia
A coñecida como fraude do CEO pon as pemes na diana
O 60 por cento das empresas europeas que sufriron un ciberataque acabaron por pechar antes de seis meses. Os delincuentes informáticos lesionan con especial forza as estruturas das empresas máis pequenas, que son as máis vulnerables.
Hoxe, estes empresarios recibiron algunhas claves para protexerse, por exemplo, dos que usan a intelixencia artificial para facerse pasar polo xefe. Foi nunhas xornadas que organizou en Santiago o Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, e que contan coa colaboración do Corpo Nacional de Policía.
"Non invisten cartos e tempo en seguridade porque pensan que non son un obxectivo. Pero non é así. Ademais, a IA xenerativa ofrece hoxe novas posibilidades, tamén para enganar", explicou Santiago Reboyras, inspector xefe da Policía Nacional en Santiago.
"Con estas ferramentas é relativamente sinxelo emular a voz ou a imaxe dunha persoa de confianza que nos apura a que fagamos, por exemplo, transferencias bancarias", engadiu Fernando Suárez, presidente do CPEIG.
Sempre se poden facer cousas para evitar esta fraude. Segundo explican nas xornadas, preguntar onde nos coñecemos?, ou quen é o director de recursos humanos da empresa?, ou calquera cousa que os ciberdelincuentes non saiban pode axudar a evitar o calote. Pensar dúas veces antes de executar calquera acción en Internet tamén é fundamental.
Explican tamén que é importante que todos os empregados estean concienciados, e advirten sobre o comportamento en redes sociais.
"Deixamos nelas demasiada información. Non somos precavidos á hora de transmitir ou publicar ou dar información da nosa vida, costumes, etc.", lamenta o inspector Reboyras.