Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen unha banda que estafaba con anuncios de coches de segunda man falsos

Deteñen unha banda que estafaba con anuncios de coches de segunda man falsos

A banda operaba dende 2024 e estafou máis de 380.000 euros a, por agora, 175 vítimas

As autoridades continúan investigando para atopar máis afectados e axudalos na recuperación dos seus cartos

G24.gal 16/06/2025 10:25

A Garda Civil, nunha operación conxunta coa Policía Nacional, desarticularon unha organización criminal que se dedicaba a estafar a través de anuncios falsos de coches en portais de compravenda destes. Os feitos ocorreron en Madrid.

Segundo informou a Comandancia de Madrid, no operativo detiveron doce persoas e fixéronse trece rexistros na provincia madrileña. 

A banda traballaba as 24 horas do día con polo menos 69 liñas telefónicas, a través das que xestionaban toda a actividade de compravenda de coches. Ata agora xa se detectaron 175 vítimas, ás que lles estafaron máis de 380.000 euros. A investigación continúa para encontrar máis posibles afectados. 

Un plan feito e pensado só para estafar

A investigación comezou logo de que varios axentes detectasen varias denuncias de estafas referidas á compravenda de vehículos de segunda man. Os propios axentes, revisaron a información e atoparon unha organización que operaba dende o 2024.

O seu modus operandi baseábase en publicar anuncios falsos, sen consentimento dos propietarios en páxinas de compravenda e plataformas de comercio con prezos moi por baixo do valor real do mercado. Moitos destes propietarios non tiñan coñecemento destes anuncios.

Unha vez que as vítimas contactaban con eles, eles pedían seguir a conversa por unha aplicación de mensaxería, por onde solicitaban unha ou varias transferencias para reservar os coches, así coma unha fotografía do DNI para formalizar un suposto contrato de compravenda.

Os estafadores, a cambio, remitían fotos do suposto vendedor e documentación persoal. Esta documentación era a doutros estafados pola organización. Se todo isto non funcionaba, chegaban a ameazar ás vítimas con realizar estafas baixo o nome destas. 

Os investigadores detectaron ata 69 liñas telefónicas que traballaban as 24 horas do día. Para simular máis credibilidade, os estafadores chamaban dende varias liñas simulando ser distintos departamentos dunha mesma empresa. 

Finalmente, achegaban contratos falsos suplantando a identidade corporativa dunha coñecida empresa de compravenda de vehículos.

Operaban de forma ordenada estruturada

Os axentes coa investigación comprobaron que a organización criminal tiña unha estrutura piramidal que lideraban oito persoas, que collían os cartos e estaban asentados en localidades de Madrid.

Baixo o seu mando existía outra parte encargada de xestionar as contas bancarias, entregando o diñeiro fraudulento a cambio dunha comisión.

Finalmente o 20 de maio levouse a cabo un dispositivo para a entrada e rexistro dun total de 13 vivendas en Madrid. Isto resultou na detención final de 12 persoas, entre as que están os líderes da banda e os que collían o diñeiro.

Impútanselles delitos de pertenza a organización criminal, estafa, usurpación de estado civil, falsidade documental e branqueo de capitais.

Nos rexistros incautáronse de máis de 73.000 euros, catro vehículos, 20 televisores e equipos de son de alta gama, 75 teléfonos móbiles, 32 tarxetas SIM, numerosas tarxetas bancarias, dous patinetes eléctricos, 3 réplicas de armas longas, 3 pistolas de airsoft e outras armas prohibidas.

A pesar dos xa recoñecidos 175 afectados e a detención da banda, a investigación continúa aberta xa que non se descartan novas detencións e a aparición de máis afectados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade