Publicador de contidos

Publicador de contidos

Uns 10.000 desaparecidos polo ciclón en Libia, segundo a Federación da Cruz Vermella

Uns 10.000 desaparecidos polo ciclón en Libia, segundo a Federación da Cruz Vermella

As comunicacións representan un gran problema pola falta de electricidade

G24.gal 12/09/2023 13:36

Unhas 10.000 persoas afectadas por un ciclón no nordés de Libia atópanse desaparecidas, o que fai temer que as vítimas mortais deste desastre natural sexan máis que as preto de 2.400 contabilizadas ata o de agora polas autoridades, segundo a Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella.

O seu representante, Tamer Ramadan, dixo que o ciclón Daniel foi tan devastador en Libia como o gran terremoto que azoutou Marrocos.

"Podemos confirmar que milleiros de persoas perderon a vida, milleiros están desaparecidas e milleiros perderon os seus fogares, pero os números finais serán establecidos polos nosos equipos que están a avaliar a situación no terreo", comentou.

A Organización Internacional da Saúde (OMS) sostivo que o ciclón foi de "proporcións épicas" e que enviou un primeiro cargamento con corenta toneladas de axuda que debe chegar en breve á zona damnificada.

"Estamos a facer todo o que podemos para dar primeiros auxilios, evacuar feridos, ofrecer apoio psicosocial e outros servizos humanitarios, pero as necesidades son xigantescas e superan por moito a capacidade da Media Lúa Vermella Libia e do propio goberno", explicou Ramadan.

As comunicacións representan un gran problema pola falta de electricidade, e a interrupción dos servizos de telefonía móbil e de Internet nas zonas afectadas polo ciclón, que chegou o pasado domingo á cidade de Derna, a máis danada.

Esa localidade costeira é a cuarta máis poboada do país cuns 120.000 habitantes no momento do desastre natural.

Nestas circunstancias, as autoridades que gobernan o leste do país solicitaron axuda internacional.

"Pedimos aos nosos socios internacionais que se volvan a centrar en Libia e dean todo o apoio que poidan para saír adiante", sinalou Ramadan.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade