Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unplugged, por María Bastida

OPINIÓN

Unplugged, por María Bastida

María Bastida 16/12/2025 07:53

Hai decisións políticas que se presentan como técnicas, pero que en realidade son estratéxicas. A planificación 2025-2030 da rede de transporte eléctrica é unha delas. E o que anticipa para Galicia non pinta ben. O Goberno central prevé investir máis de 13.000 millóns de euros en redes eléctricas en toda España. A Galicia corresponderíanlle menos de 370 millóns, un 2,8 %. Un reparto difícil de explicar se se ten en conta que en 2024 a comunidade achegou ao redor do 8,8 % da xeración eléctrica nacional. É dicir, producimos enerxía, pero non se nos permite usala para construír industria.

A consecuencia non é abstracta. Máis dunha ducia de proxectos industriais estratéxicos poderían quedar sen cobertura enerxética garantida. Por que? Porque a rede eléctrica é a infraestrutura que decide onde se localiza a industria. Sen acceso á rede non hai proxectos, sen proxectos non hai investimento e sen investimento non hai emprego nin tecido produtivo que aguante. Pódense asumir trámites complexos ou prazos longos, pero non a incerteza de non saber se haberá enchufe cando chegue o momento de producir.

O caso de Lugo é paradigmático. A zona central e oeste da provincia segue sen unha soa subestación de transporte eléctrico. Ningunha. Iso equivale a excluír de facto a provincia lucense de calquera proxecto industrial de certo tamaño. Algo similar ocorre en Curtis-Teixeiro: chan empresarial dispoñible, interese en iniciativas de hidróxeno verde ou centros de datos e ningunha solución prevista na planificación estatal. A isto súmase o calendario. As novas infraestruturas non empezarían a construírse antes de 2028 ou 2029. Galicia quere descarbonizar, quere e pode usar a súa enerxía renovable e para iso hai que ter infraestruturas. Nun contexto de relocalización industrial en Europa, chegar tarde é case o mesmo que non chegar.

A mensaxe implícita é clara. Galicia pode seguir xerando enerxía, pero o Goberno central non a concibe como territorio de transformación. Nin industria electrointensiva, nin almacenamento, nin hidróxeno verde, nin cadeas de valor asociadas á transición enerxética. Produce, evacúa e cala. Volver, unha vez máis, a un modelo de economía periférica, dependente e con dificultades para reter poboación e talento.

Por iso o recurso presentado pola Xunta non é un xesto. A planificación eléctrica é un mapa de oportunidades. E hoxe, ese mapa deixa a Galicia perigosamente desenchufada.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade