Unicaja, un test de altura para un Obradoiro que soña co playoff
Moncho Fernández espera contar con Edgar Vicedo, que non puido xogar ante o UCAM por unha molestia no xemelgo interno
A súa solidez no Martín Carpena, onde unicamente gañaron Real Madrid, Barça e Baskonia, e o gran momento de forma do bloque dirixido por Ibon Navarro suporán un test de altura para o Obradoiro, que busca un triunfo en Málaga para alimentar o seu soño de disputar o playoff polo título.
O Unicaja, vixente campión de Copa, sacou esta semana o seu billete para a fase final da Champions League (BCL) tras esmagar ao UCAM Murcia (74-96), o rival ante o que resucitou o conxunto santiagués a pasada fin de semana. Nese encontro, o Obradoiro tivo que sobrepoñerse á esixencia física do seu rival, un bo ensaio do que lle espera mañá no Martín Carpena, onde non gaña desde 2012.
“O máis perigoso que ten Unicaja no rebote ofensivo é que nas segundas opcións, á hora de convertelas, son o mellor equipo da liga porque anotan con moita calidade, transforman en moitos puntos esas segundas opcións”, lembrou o técnico santiagués Moncho Fernández.
Unha das fortalezas do seu equipo está no rebote defensivo, pero ante o equipo universitario sufriu nos últimos dous cuartos. Mañá terá outra revalida ante un Unicaja que está a xogar con moitísima confianza e que explota cada erro do rival. O adestrador do Obradoiro espera contar co aleiro Edgar Vicedo, que non puido xogar ante o UCAM por unha molestia no xemelgo interno.