Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha voadura controlada pon o final a 40 anos de servizo da torre de Meirama

Unha voadura controlada pon o final a 40 anos de servizo da torre de Meirama

Tras unha conta atrás e o son dunhas sirenas, a torre caía e nuns doce segundos xa estaba no chan

G24.gal 21/12/2022 15:18 Última actualización 21/12/2022 21:27

Pasaban once minutos das tres da tarde cando unha voadura controlada acabou coa histórica cheminea de refrixeración de Meirama. Poñíase fin así a 40 anos de servizo desta torre da central térmica situada no concello de Cerceda.

Un amplo dispositivo de seguridade despregouse na zona. Cortouse o tráfico na estrada entre Ordes e O Mesón do Vento, desaloxáronse os veciños que viven preto do complexo, e estableceuse un perímetro de seguridade. Houbo unha conta atrás, soaban sirenas, e tras iso, a explosión levaba a torre ao chan.

Segundo informa a compañía a operación levouse a cabo coas máximas medidas de seguridade, o mínimo impacto ambiental e en cumprimento da normativa vixente. Un dos traballos que houbo que realizar foi comprobar que non había niños de aves, así como outras especies animais que se puidesen ver afectadas.

Foi un emblema que formou parte durante décadas da paisaxe da comarca e que mantivo durante 40 anos unha actividade ininterrompida. A central térmica de Meirama leva inactiva dende o 2020

A torre de formigón medía 126 metros de altura, tiña un diámetro na base de 72 metros e de 48 na cima. Constaba de 54 piares en "V" e acumulaba un volume de máis de dez mil toneladas

A demolición pon fin a toda unha era. A central foi construída entre 1976 e 1980, despois dunha forte polémica pola expropiación iniciada pola entón Unión Fenosa. Unha importante revolta veciñal, encabezada polo cura das Encrobas, tentou paralizala sen éxito durante anos. Finalmente entrou en funcionamento en 1981 e a central acabouse convertendo no principal empregador da comarca de Cerceda e Ordes.

Foi unha das maiores plantas de produción de enerxía do país, cunha potencia bruta de 580 megawatts e nela chegaron a traballar unhas 200 persoas. 

As reservas da mina esgotáronse en 2008, e substituíu o lignito por hulla para producir enerxía. 

Un lago artificial de máis de dous quilómetros e 200 metros de profundidade cobre o burato que deixou a explotación mineira.

Ademais da derriba da torre de refrixeración, este martes procedeuse á voadura dos dous silos de cinzas, de 34 e 44 metros, respectivamente, así como do silo de escoura.

Unha vez realizada a voadura, os fragmentos de formigón e da estrutura metálica dos silos serán recollidos a nivel do chan. Estímase que se vai recuperar, mediante reciclaxe, unhas 155 toneladas de ferro e 10.000 toneladas de formigón da torre de refrixeración e 5.500 toneladas de formigón e 470 toneladas de ferro dos silos de cinzas.

Tras a derruba da torre de refrixeración, o seguinte será a outra gran cheminea, de 204 metros de altura, que se prevé tirar nos próximos meses. 

Despois, Naturgy planea revitalizar a zona da central térmica cunha nova planta que produza combustible de hidróxeno. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade