Unha semana da traxedia de Adamuz cunha rotura na vía como referente da investigación
Sete días marcados pola dor das familias afectadas, a solidariedade e os pasos nunha pescuda que se centra nun defecto nos carrís
A seguridade na alta velocidade xera algunhas interrogantes despois da reducción de velocidade en varios treitos
Atrás queda unha semana fatídica para a alta velocidade española con 45 vítimas mortais, 22 feridos aínda ingresados en hospitais e moitas incógnitas.
O domingo pola noite saltaba a nova: o descarrilamento dun tren Iryo na localidade cordobesa de Adamuz causaba polo menos dous mortos. Despois foise ampliando a noticia. Sóubose que se producira un choque cun Alvia e o número de vítimas mortais aumentaba.
A madrugada do luns foi tensa para os servizos de Emerxencias e ese día comezan a chegar as autoridades. Van ampliándose os detalles: comunícase que pasaran 20 segundos entre o descarrilamente do Iryo e o choque co Alvia, unha escasa marxe para o freado do segundo tren.
"Creo que hoxe é un día de dor para toda España, para todo o noso país", manifestaba Pedro Sánchez.
"Debémoslles ás vítimas e aos seus familiares saber exactamente que pasou", sinalaba Feijóo
O martes chegan os Reis a Adamuz e o número de falecidos xa aumenta a 42. Ese día o ministro Óscar Puente fala da "infabilidade do AVE", pero entre o mércores e o xoves vai cobrando forza a hipótese dunha rotura na vía.
Finalmente o primeiro informe da investigación divúlgase o venres e xa se fala dunha fractura nun carril. En concreto, sinálase que esa rotura provocou un chanzo na vía que deixou marcas de rodadura no tren Iryo.
"As causas do accidente céntranse nunha posible rotura do carril previa ou simultánea ao paso do tren descarrilado", aseguraba o ministro de Transportes, Óscar Puente, en rolda de prensa
A seguridade ou inseguridade da alta velocidade española está no debate público e o venres Feijóo insistía en que a traxedia xera temor nos usuarios:
"Cada pasaxeiro que se sobe a un tren con intranquilidade é vítima colateral do ocorrido".
Esta fin de semana ultimábanse os traballos de retirada dos vagóns sinistrados, en grandes trailers os máis danados ou ben arrastrados polas vías.
Nas últimas horas xurdía outra hipótese extraoficial: que o Iryo comezou a descarrilar nun punto de soldadura onde se fusionan un treito de vía sen renovar desde 1989 con outro completamente renovado.
Albíscase unha posible clave do accidente, que deberán dilucidar os equipos de investigación.