Unha ribeirense sobe ao podio do 'grooming' canino, a última moda en peiteado de mascotas
Mais aló do corte e o peiteado, esta técnica busca impactar coas cores e a creatividade
O límite está na imaxinación do creador e na paciencia do can
Cans ou bonecos de peluche? Difícil distinguir a realidade da ficción despois de que as mascotas se poñan en mans de peiteadores como Laura. Coa transformación de Lúa en princesa unicornio logrou subir ao podio dun prestixioso concurso de 'grooming' asiático, o último grito en peiteado canino.
"O Principadog grooming show, celebrado en Asturias, era o meu primeiro concurso, non agardaba para nada levar premio. Competín na categoría de creatividade cunha proposta multicor de arco da vella na pata e chicho e coroa de princesa na cabeza", explica Laura Salgado Carracedo.
Esta tendencia esixe técnica e creatividade. Pero tamén unha mascota con boa pelaxe e paciencia, afeita ao mundo dos enfeites.
"Si, ten que ter contacto co mundo do peiteado. Hai que cepillar, secar, lavar con varias xabonadas, diferentes máscaras, e coidar moito o pelo e a pel, non vale calquera produto, teñen que ser bos. Do contrario podes facerlle máis mal ca ben", comenta Laura.
Pero non todo son concursos, existen pequenos detalles para lucir a diario. Plumiñas, brillos e cores, coas que se van atrevendo algúns clientes.
"Para pintar, mellor cans brancos ca escuros. Nestes casos lles podes poñer detalles como purpurina ou unha pluma. Nós felices de que nos deixen innovar, porque non sempre nos deixan, hai moitos prexuízos aínda", engade a peiteadora.
Así de coqueta vai lucir Aria polas rúas de Ribeira. E pronto serán máis, segundo Laura, que cre que esta moda chegou para quedar. Iso si, mellor en cans ca en gatos, menos dispostos a deixarse levar pola creación.