Unha procesión para frear a "tempestade": así viviu Santiago a eclipse de 1684
O cabido da Catedral organizou un acto solemne ao considerar que o fenómeno podía traer malas colleitas e a morte de animais
Europa Press-Arquivo
A eclipse total do Sol do vindeiro 12 de agosto non será o primeiro que esperte expectación en Galicia. Hai máis de tres séculos, a chegada doutro fenómeno astronómico provocou unha reacción ben distinta. En 1864, o cabido da Catedral de Santiago organizou uha procesión solemne pola igrexa e o claustro para pedir protección fronte aos malos presaxios que, segundo as crenzas da época, podía traer unha eclipse.
Así o recollen varios documentos conservados no Arquivo-Biblioteca da Catedral e publicados no último número de Galicia Histórica. Neles explícase que os cóengos se reuniron antes da eclipse do 12 de xullo de 1684, convencidos de que a chamada "tempestade", como aparece escrita nos documentos, podía provocar malas colleitas, a morte de animais e outras desgrazas.
Entre a ciencia e as crenzas
A pesar destas crenzas, a astronomía xa experimentara importantes avances. O astrólogo e matemático aragonés Pedro Barrada de Oliveros y Vela calculou con precisión que o eclipse se produciría ás 14:37 horas, unha previsión que coincide cos rexistros históricos da NASA.
Aquela eclipse foi total no Algarve portugués e en parte de Andalucía, mentres que en Santiago de Compostela puido verse de forma parcial. Ese mesmo ano, o matemático Fray Leonardo Ferrer chegou a cualificala de fenómeno "mortífero" pola influencia astrolóxica do signo Cáncer e do planeta Saturno, e recomendou recorrer á oración para combater os seus efectos.
Un eclipse para gozar, non para temer
A publicación do Arquivo da Catedral lembra que a visión actual destes fenómenos pouco ten que ver coa de hai tres séculos.
"No ano 2026 non temos que temer nada diso. O que nos queda é gozar deste acontecemento tan espectacular, sempre que o tempo acompañe", conclúe.
A eclipse do 12 de agosto será total en boa parte de Galicia, especialmente en gran parte da Coruña e Lugo, mentres que en Santiago de Compostela poderá observarse de maneira parcial.