Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha panadería de Viveiro con máis de 60 anos de historia fará pan co seu propio trigo

Unha panadería de Viveiro con máis de 60 anos de historia fará pan co seu propio trigo

O cereal sementado é dunha variedade autóctona tremesiña, que se collerá en agosto

Félix Aragunde 24/04/2024 20:28 Última actualización 24/04/2024 20:53

A emblemática Panadería de Galdo, en Viveiro, ten o seu propio forno dende 1961, pero ata agora nunca elaborara pan co seu propio cereal.

Isto vai mudar este ano, posto que a terceira xeración de panadeiros decidiu sementar o seu propio trigo, en concreto da variedade autóctona tremesiña, que se colleita aos tres meses de sementala.

Elixiron este tipo de trigo por ser o que mellor se adapta ás condicións desta zona da Mariña. Cultivárono nun terreo próximo á panadería, onde prevén recollelo o vindeiro mes de agosto.

Luis Pérez, panadeiro: "Queremos recuperar ese tipo de sabores, conseguir que saiba a cereal e que teña unha humidade que o manteña fresco durante días. O pan ten que envellecer, e de paso vai cambiando de sabor, cada día cun sabor diferente".

Unha vez recollido o cereal, moerano para elaborar un novo produto. Pero antes prevén celebrar unha malla tradicional coa participación dos veciños da parroquia de Galdo.

Luis Pérez, panadeiro: "Queremos mostrarlle a unha xeración de xente nova como é a malla tradicional galega. Como se recolle o trigo, como se fai a meda, eses mollos, para podelos meter na máquina e que saia a palla por un lado e o gran polo outro".

Actualmente, nesta tafona elaboran, entre outros produtos, pan con outras variedades de fariña autóctonas, como son o callobre, o grandal ou o caaveiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar