Unha operación policial contra o tráfico de drogas deixa varios detidos tras dous rexistros simultáneos en Lugo
Unha operación policial contra o tráfico de drogas deixa varios detidos tras dous rexistros simultáneos en Lugo
A intervención desenvolveuse de forma simultánea en dous inmobles da rolda das Fontiñas e do barrio da Piringalla
Policía Nacional. Arquivo. Europa Press.
A Policía Nacional despregou este luns un operativo contra o tráfico de drogas na cidade de Lugo que se saldou con varias detencións e a incautación de diverso material presuntamente relacionado con estas actividades delituosas.
A intervención desenvolveuse de forma simultánea en dous inmobles situados en distintos puntos da capital lucense: unha vivenda da rolda das Fontiñas e unha casa ocupada na Rúa Lavandeira, no barrio da Piringalla. Para levar a cabo os rexistros, os axentes contaron co apoio de efectivos da Unidade de Intervención Policial (UIP) desprazados desde A Coruña.
A operación tivo a súa orixe nas denuncias e avisos realizados por veciños de ambas as dúas zonas, que alertaran dun posible tráfico de substancias estupefacientes nestes inmobles. "A información achegada polos residentes resultou clave para o desenvolvemento da investigación e a posterior actuación policial", segundo confirmaron responsables policiais.
Fontes da investigación confirmaron que se practicaron varias detencións, aínda que non quixeron facer públicos os detalles da investigación porque aínda está en curso. A investigación continúa aberta e non se descartan novas actuacións.