Unha muller queda ferida de gravidade nun accidente múltiple en Vigo
O sinistro, cuxas causas de momento se descoñecen, tivo lugar no quilómetro 6 da VG-20, sentido Bouzas
No accidente víronse implicados catro vehículos, e a condutora dun deles, que recibiu un forte golpe lateral, quedou atrapada no interior, polo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros para excarcerala e dos servizos do 061 para trasladala a un hospital
Catro persoas quedaron feridas, unha delas de gravidade, nun accidente múltiple rexistrado á primeira hora da mañá deste xoves en Vigo. O sinistro, cuxas causas de momento se descoñecen, tivo lugar no quilómetro 6 da VG-20, sentido Bouzas, quince minutos antes de que desen as oito da mañá.
No accidente víronse implicados catro vehículos e a condutora dun deles, que recibiu un forte golpe lateral, quedou atrapada no interior, polo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros para excarcerala e dos servizos do 061 para trasladala a un hospital.
Outras tres persoas mancáronse, aínda que non están graves, e a estrada tivo que ser cortada porque os coches involucrados no sinistro quedaron atravesados na metade da calzada. Ata o punto, ademais de Bombeiros e 061, desprazouse tamén a Garda Civil para regular o tráfico e investigar as causas do sinistro.