Unha condutora parapléxica denuncia que a multaron por aparcar nunha praza habilitada
Unha condutora parapléxica denuncia que a multaron por aparcar nunha praza habilitada
Pagou 200 euros por aparcar nunha praza para persoas con discapacidade
A sanción produciuse o 26 de xuño, cando foi de compras a un centro comercial
Mercedes Varela, unha condutora palense con paraplexía, denuncia que foi sancionada por aparcar nunha praza reservada para persoas con problemas de mobilidade.
Asegura que lle puxeron unha multa a pesar de ter o certificado de discapacidade e deixar á vista a correspondente tarxeta no seu coche adaptado. Sucedeu nun centro comercial de Lugo, onde un garda de seguridade decidiu dar parte á policía ao non ver a tarxeta xunto ao parabrisas.
Mercedes Varela, condutora con paraplexía: "Fixen as compras e vin para a casa. Cal foi a miña sorpresa cando, de alí a unha temporada, veume unha multa á casa por aparcar en prazas para persoas con discapacidade porque non puxera a tarxeta. Pero eu, efectivamente, si puxen a tarxeta".
A multa que lle chegou á casa viña acompañada dunha foto frontal do vehículo en que resulta imposible apreciar se tiña ou non a tarxeta posta. Daquela recorreuna, pero non lle serviu de nada e tivo que pagar, de todas formas, unha sanción de 200 euros.
Pide, polo tanto, que os axentes da autoridade se fixen ben antes de multar a quen xa ten a desgraza de padecer unha discapacidade.