Unai Núñez e Cervi lamentan a derrota no Madrigal
Os futbolistas do Celta atenderon o Galicia en goles tras a derrota ante o Villarreal

Un mal comezo de partido e algunha decisión arbitral comprometida de González Fuertes condicionaron o Celta na súa visita ao conxunto castellonenco. O dous a cero inicial e a non expulsión de Capoue por dobre cartón amarelo foron unha lousa para os intereses celtistas como recoñecían pos propios xogadores en zona mixta no micrófono da Radio Galega. O primeiro en parar a falar con Roberto Carlos Carballo foi Unai Núñez.
"Comezamos moi mal, dous goles en dez minutos e é difícil darlle a volta a un partido así. Ata o seu gol puidemos empatar ou incluso poñernos por diante. Ante equipos así non podemos conceder tanto. Non é o primeiro partido que pasa, pero non podemos xustificarnos no árbitro".
Outro dos protagonistas en falar tras o partido foi o arxentino Franco Cervi:
"Puidemos levarnos máis pero hai que pensar no seguinte partido. Sempre quero axudar ao equipo e marcho contento se gañamos. Se non o facemos, non é o mesmo. Aínda que non comezamos ben, tivemos as nosas ocasións para empatar".