Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un tribunal de apelacións levanta o bloqueo contra os aranceis de Trump

Un tribunal de apelacións levanta o bloqueo contra os aranceis de Trump

O tribunal de apelacións acepta o recurso da Casa Branca contra a decisión da Corte Internacional de Comercio que declarou ilegais os aranceis masivos de Trump

O presidente Donald Trump (Ken Cedeno/Reuters) O presidente Donald Trump (Ken Cedeno/Reuters)
G24.gal 29/05/2025 23:05

Unha Corte de Apelacións levantou o bloqueo ordenado o día anterior por outro tribunal a boa parte dos aranceis impostos polo presidente de Estados Unidos, Donald Trump, aos seus socios comerciais.

A medida pon en pausa "ata novo aviso" a sentenza do Tribunal de Comercio Internacional que paralizou os gravames globais anunciados o pasado 2 de abril e outros previos contra Canadá, México e China mentres os xuíces revisan as mocións de apelación presentadas polo Goberno.

Ao recorrer o bloqueo xudicial á súa política arancelaria, a Administración advertiu que levaría o caso ante o Supremo se non se emitía antes unha orde temporal que frease o fallo.

Aínda que o veto ordenado polo Tribunal de Comercio Internacional queda sen efecto temporalmente, a corte federal do Distrito de Columbia emitiu á súa vez hoxe outro fallo que tamén bloquea a aplicación dos mesmos aranceis aos que fai referencia a sentenza da véspera.

O ditame produciuse ao estimar tres xuíces que o mandatario excedeu a súa autoridade ao usar a Lei de Poderes Económicos en Emerxencias Internacionais (IEEPA), invocada para anunciar as medidas comerciais mencionadas arriba.

A Casa Branca insistiu en que eses tres xuíces do Tribunal de Comercio Internacional "abusaron descaradamente" do seu poder "para usurpar a autoridade do presidente Trump e impedirlle cumprir o mandato que lle encomendou o pobo estadounidense".

"Os EUA non pode funcionar se o presidente Trump, ou calquera outro presidente, ve as súas delicadas negociacións diplomáticas ou comerciais frustradas por xuíces activistas", dixo a portavoz Karoline Leavitt.

Leavitt insistiu en que "existe unha preocupante e perigosa tendencia de xuíces non electos que interveñen no proceso de toma de decisións presidencial", en referencia a bloqueos en distintas cortes do país contra polémicas medidas impulsadas por Trump.

A portavoz advertiu aos países que están no medio de negociacións comerciais con Washington "que o presidente se reserva outras facultades arancelarias" para garantir "que se restablezan os intereses de EUA en todo o mundo".  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade