Un sismo de 5 graos despertou á Palma
Foi un dos tremores máis sentidos desde que comezou a erupción
Prohibido o acceso a algunhas zonas pola escasa calidade do aire
Os habitantes da Palma espertaron este sábado cun novo sismo, de magnitude 5, cualificado coma un dos máis sentidos desde que comezou a erupción volcánica. A sismicidade segue sendo notable, pero a maior parte dos tremores son imperceptibles para a xente.
Por outro lado, as emisións de lava do Cumbre Vieja seguen discorrendo polas coadas habituais e chegando ao mar sen ocasionar danos significativos, agás os causados na praia dos Guirres, onde a lava destruíu un dos principais restaurantes da zona.
A situación segue sendo controlada permanentemente polos expertos.
Polo momento os ventos favorecen a dispersión dos gases e cinza expulsados polo volcán, e permiten o funcionamento normal do aeroporto da Palma. A preocupación vén dada agora pola posible chegada este domingo ás illas Canarias dunha borrasca; se as chuvias caen sobre as grandes capas de cinza que cobren a zona, poderían ocasionar graves problemas na rede de sumidoiros, nos tellados das casas e mesmo avalanchas destrutivas de material lávico e auga.
Por outro lado, este sábado o Cabido da Palma prohibiu o acceso á costa pola zona de Fuencaliente, polo alto nivel de dióxido de xofre no aire, que faría moi perigosa a recollida de pertenzas ou a entrada de agricultores para regar as súas leiras.