Prisión provisional para un dos cinco detidos por unha agresión grupal en Pontevedra
A agresión comezou sen motivo aparente

A Policía Nacional detivo cinco mozos vinculados cunha agresión grupal no centro de Pontevedra. O mozo que foi atacado está na Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para un dos cinco detidos. O acusado foi o único que pasou a disposición xudicial, xa que os outros catro quedaron en liberdade en dependencias policiais.
Este mozo sería o presunto autor material da agresión, polo que está investigado por un delito de lesións.
O suceso ocorreu na noite do 21 ao 22 de xullo na rúa Michelena. O agredido, de 35 anos, rematou no chan e sufriu unha forte contusión na cabeza.
Segundo transcendeu, a liorta desencadeouse sen motivo aparente. Agresores e vítima atopáronse e un deulle un empurrón que o tirou ao chan, provocándolle unha lesión grave.
Durante a investigación, a Policía Nacional revisou as cámaras de seguridade dos establecementos próximos e entrevistaron a varias testemuñas ata que puideron identificar os cinco acusados.