Un Rácing deprimido e con 9 cae en Albacete (2-0)
Puric e David Castro foron expulsados na segunda metade, cando xa perdía o equipo departamental
A temporada estáse a facer eterna para o Rácing que, xa descendido, non ve a luz ao final do túnel, e segue acumulando malas sensacións. Desta volta, os de Menéndez caeron por 2-0 o Albacete, nun partido que acabaron con dez polas expulsións de Puric e David Castro.
O Rácing avisou primeiro, antes do minuto de xogo. Foi nun saque de banda, cun balón solto que lle caeu a Brais. O seu remate marchou por ben pouco. Pero axiña ía chegar a primeira labazada. Foi aos nove minutos, nun balón á área á saída dun córner que despexou moi curto Yoel. Nabil chegou antes que ninguén e rematou á rede para abrir o marcador.
Buscou a igualada o Rácing, que volveu pisar a área con perigo. Álvaro Giménez entrou na área, e rematou raso ben preto do pau. Pero era un partido de ida e volta, e o Albacete non renunciaba a marcar máis goles. Kofane tivo un man a man, pero Yoel pechoulle ben o remate e a xogada quedou en nada. Un último remate lonxano de Puric, ás mans do porteiro, botáballe o pano á primeira metade coa superioridade local no marcador.
Na segunda metade puido empatar Puric á saída dun córner. Respondeu Cristian Rivero cunha boa parada. Tamén gozou dalgunha ocasión Dorrio, pero ao Räcing séguelle costando moito traballo facer gol. E, no minuto 76, Puric vía o segundo cartón amarelo e os departamentais quedaban con 10. Coa superioridade, o Albacete atopou os espazos para facer dano á contra e, nunha, David Castro derrubou a Higinio cando ía contra a portería, e viu tamén o cartón vermello. O Rácing quedaba con 9, e o propio Higinio asinaba o 2-0 á saída da falta. Era unha nova derrota para o Rácing, a vixésimo terceira dunha temporada que se está a facer especialmente longa e cruel para o equipo galego.