Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un policía salva en Pontevedra unha muller que se atragoou cun anaco de polbo

Un policía salva en Pontevedra unha muller que se atragoou cun anaco de polbo

Rodeou a muller cos seus brazos para apertala na boca do estómago coa axuda do seu irmán e outros clientes do local, que contactaron co teléfono de emerxencias

Arquivo TVG Arquivo TVG
G24.gal 07/07/2026 14:30

Un axente da Policía Nacional que estaba fóra de servizo salvou a vida dunha muller que se atragoara cun anaco de polbo nun establecemento hostaleiro próximo a Pontevedra.

O policía, que estaba sentado nunha mesa contigua, observou como a muller tiña claros signos de atragoamento e se estaba asfixiando.

Os seus acompañantes non sabían como socorrela e foi o axente o que lle aplicou a coñecida como manobra de Heimlich.

Rodeou á muller cos seus brazos para apertala na boca do estómago coa axuda do seu irmán e outros clientes do local, que contactaron co teléfono de emerxencias.

En contacto telefónico cunha enfermeira especialista que dirixiu de xeito claro e preciso as actuacións, aplicáronlle cinco golpes dorsais e cinco manobras de Heimlich en varias quendas.

Como a muller comezaba a presentar cianose e signos de desmaio por hipoxia, a enfermeira ordenou iniciar as manobras de reanimación (RCP).

O axente, xunto co seu irmán, tombou no chan a muller e realizaron a RCP durante máis de tres minutos ata que a vítima recuperou a consciencia e expulsou o anaco de polbo que lle quedara encaixado.

A Policía Nacional lembra que desde que os axentes comezan a súa formación na Escola Nacional de Policía de Ávila, reciben aprendizaxe en técnicas de primeiros auxilios.

Ante determinadas situacións de emerxencia, estes coñecementos poden ser cruciais para asistir as persoas ata a chegada dos servizos sanitarios. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos