Un operativo antidroga na contorna de Santiago remata con 6 detidos e máis de 1.500 plantas de cánnabis incautadas
Un operativo antidroga na contorna de Santiago remata con 6 detidos e máis de 1.500 plantas de cánnabis incautadas
A operación Smell, tutelada polo Xulgado de Instrución de Arzúa, iniciouse tras a detección de consumos eléctricos irregulares nos municipios de Oroso e O Pino
Garda Civil
A Garda Civil desarticulou na contorna de Santiago de Compostela un grupo criminal dedicado ao tráfico de drogas, nun operativo que se saldou con 6 persoas detidas (tres delas xa ingresaron en prisión por orde xudicial), máis de 1.500 plantas de cánnabis intervidas, 29.000 euros e catro vehículos comisados.
Todos os investigados están acusados de senllos delitos contra a saúde pública, de pertenza a grupo criminal, de lavado de cartos, de falsificación de placas de matrícula e de defraudación de fluído eléctrico.
A operación Smell, tutelada polo Xulgado de Instrución de Arzúa, iniciouse tras a detección de consumos eléctricos irregulares nos municipios de Oroso e O Pino.
Como froito do traballo de campo realizado, os gardas civís actuantes localizaron dúas naves industriais nas mencionadas localidades susceptibles de albergar plantacións indoor.
Os axentes detectaron a presenza de tres dos detidos, dous veciños de Negreira e outro de Cambados, nas instalacións da nave industrial de Oroso, sorprendendo un deles portando dous sementeiros con 132 plantas de cánnabis sativa.
A Garda Civil inspeccionou a mencionada edificación, e localizou no seu interior unha plantación indoor con 800 plantas de cánnabis sativa, dotada de sistemas de iluminación, ventilación e control térmico e 430 gramos de marihuana seca e preparada para a súa manipulación, polo que se incautou dos efectos atopados.
Posteriormente, os efectivos trasladáronse á localidade do Pino para realizar o rexistro da segunda nave, onde atoparon outra plantación interior con 573 plantas de cánnabis sativa e características similares á anterior e 96 gramos de marihuana seca lista para a súa manipulación.
Tras estes achados, a Garda Civil realizou o rexistro dos domicilios dos detidos nas localidades de Negreira e Cambados, incautándose en ambos os dous inmobles un total de 13 quilos de marihuana envasada ao baleiro e lista para a súa distribución, básculas de precisión, material de pesada e embalaxe, 29.000 euros en efectivo e 4 vehículos supostamente empregados para o transporte e a distribución de substancias estupefacientes.
A Garda Civil mantivo a operación aberta para a localización doutros tres supostos integrantes da organización, veciños de Ames, Cambados e Vilagarcía de Arousa, que foron arrestados.
Os detidos, xunto cos efectos comisados e as actuacións realizadas, foron postos á disposición do Xulgado de Instrución de Arzúa, que decretou o ingreso en prisión de tres deles.