Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un novo incendio no antigo colexio Leus, en Carballo, alerta os veciños

Un novo incendio no antigo colexio Leus, en Carballo, alerta os veciños

Non houbo que lamentar danos persoais e cren que foi unha falcatruada de adolescentes

As instalacións levan pechadas desde hai 20 anos e medra a preocupación polo seu estado de abandono

 

G24.gal 22/02/2023 13:43

O estado de abandono dun antigo colexio de Carballo, pechado desde hai anos, preocupa os veciños da localidade coruñesa. Os actos vandálicos, falcatruadas dos mozos e incendios provocados son frecuentes. O último, onte á noite, ao declararse un pequeno lume que atribúen a unha trasnada de adolescentes.

Eran arredor das nove da noite de onte, día festivo en Carballo, cando o servizo de emerxencias foi alertado dun incendio no antigo colexio Leus. "Era con catro madeiras dun moble que había por alí e queimáronas, pero o que pasa é que o colexio está no centro da vila, e un martes de Entroido, e crea un pouco de alarma social", explica Xavier Souto, coordinador de Protección Civil e Emerxencias de Carballo. 

Os bombeiros, co apoio de Protección Civil, puideron extinguir as lapas sen dificultade e en menos dunha hora. Con todo, non é a primeira vez que deben acudir a un aviso deste tipo. "Este foi pequeno, pero o anterior, a verdade é que había colchóns do antigo internado, e o lume metía medo", explica Mari Carmen, que vive nunha vivenda ao lado do colexio.

"Son todos intencionados por trasnadas, vandalismo, e temos a sorte que non se produciron ata o de agora danos persoais", puntualiza Xavier Souto. 

O colexio Leus, de propiedade privada, está pechado desde hai 20 anos e o estado de abandono preocupa aos veciños. Desta volta todo quedou nun susto, pero piden máis vixilancia e maior seguridade, sobre todo no acceso desde a rúa Grabador Facal, para evitar desgrazas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade