Un novo audio sinala que Cerdán facía no partido o que lle mandaba Sánchez
"É verdade que fai o que lle manda Pedro. Dos secretarios xerais provinciais, dos secretarios xerais e tal, co único que poden falar para dicirlle algo a Pedro é Santos"
Nun novo audio, publicado polo xornal El Español, Koldo García sinala que Santos Cerdán facía o que lle mandaba Pedro Sánchez. Nese audio o exasesor de Ábalos refírese ao funcionamento interno do partido.
Koldo García diríxese ao seu interlocutor e dille que Santos Cerdán no PSOE cumpre ordes de Pedro Sánchez:
"É verdade que fai o que lle manda Pedro. Dos secretarios xerais provinciais, dos secretarios xerais e tal, co único que poden falar para dicirlle algo a Pedro é Santos".
A relación entre Koldo García e Santos Cerdán vén de vello. Cando Cerdán era secretario de Organización do Partido Socialista en Navarra. Na súa comparecencia no Senado, na comisión de investigación do caso Koldo, recoñeceu que foi el quen trouxo a García a Madrid. E tamén que tras o baleirado dos móbiles de Koldo García se demostraría que xa non tiñan relación dende o 2018.
O informe da UCO e os audios revelan que a relación entre Cerdán e Koldo García continuou máis alá do 2018 cando García xa traballaba como asesor de José Luis Ábalos no ministerio. Pilar Alegría, tras o consello de Ministros, falou da indignación que lles provoca este caso.