Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un ataque ruso mata 15 persoas en Kíiv mentres se celebra o cumio do G7

Un ataque ruso mata 15 persoas en Kíiv mentres se celebra o cumio do G7

A reunión prevista entre Trump e Zelenski non se produciu, ao abandonar o cumio o estadounidense para ocuparse do conflito de Irán e Israel

Zelenski, aos seus socios: "Deben responder por fin como unha sociedade civilizada responde os terroristas"

Unha persoa faleceu e 17 quedaron feridas nos ataques a Odesa

REUTERS / Valentyn Ogirenko REUTERS / Valentyn Ogirenko
G24.gal 17/06/2025 12:18

Despois de varias noites relativamente tranquilas, os habitantes de Kíiv volveron espertar este martes co estrondo da actividade das defensas aéreas e os impactos de mísiles que tratan de derrubar drons kamikaze, por mor dun novo ataque masivo ruso contra varias rexións de Ucraína, que matou a 15 persoas na capital e deixou outro falecido no porto de Odesa.

O ataque produciuse mentres se desenvolve na provincia canadense de Alberta un cume do G7 na que o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, que participará como convidado, tiña previsto reunirse co seu homólogo estadounidense, Donald Trump, para tratar de convencelo persoalmente de que dite sancións contra Rusia para forzar ao Kremlin a parar a guerra.

“Estes ataques son puro terrorismo. E o mundo enteiro, Estados Unidos, e Europa, deben responder por fin como unha sociedade civilizada responde os terroristas”, escribiu nas súas redes sociais Zelenski, que viu frustrados os seus plans de reunirse con Trump despois de que o presidente se retirara do cume para ocuparse da guerra entre Irán e Israel en Oriente Medio.

Zelenski tamén tiña previsto abordar con Trump a posibilidade de que Ucraína compre aos EUA as defensas aéreas e outros tipos de armamento que Kíiv necesita para protexer o seu territorio. 

Preto de 500 drons e mísiles

Rusia empregou no seu ataque de onte á noite contra o conxunto de Ucraína 440 drons e 32 mísiles.

Do total de mísiles, 26 foron interceptados pola Forza Aérea ucraína, que tamén neutralizou 239 drons. Segundo o parte das Forzas Armadas de Ucraína, producíronse impactos directos en 10 emprazamentos. Os restos dos mísiles e drons derrubados caeron sobre outras 34 localizacións.

Máis dun centenar de persoas quedaron feridas nos oito distritos de Kíiv afectados polo bombardeo.

Outro dos obxectivos do ataque ruso -que alcanzou tamén zonas das rexións de Zaporijia, Cherníguiv, Zhitómir, Kirovograd e Mikoláyiv- foi o porto do mar Negro de Odesa, no sur de Ucraína.

“Por desgraza, baixo os entullos atopouse o corpo sen vida dunha muller de 60 anos”, escribiu na súa conta de Telegram o gobernador da rexión de Odesa, Oleg Kiper, que informou de 17 feridos na área baixa a súa xurisdición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade