Sánchez comparecerá o 9 de xullo polo caso Koldo; os socios do Goberno e o PP esixen que sexa antes
Fontes parlamentarias aseguran que é a primeira data dispoñible na axenda do presidente
Un novo audio sinala que Cerdán facía no partido o que lle mandaba Sánchez
Sánchez denuncia unha operación de "demolición moral" para derrubar o Goberno

O grupo socialista expuxo hoxe na Xunta de Portavoces do Congreso que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, vai comparecer o 9 de xullo para abordar o caso Koldo. A maioría dos seus socios queren que sexa antes e o PP pediu outra reunión para que compareza esta semana.
Segundo fontes parlamentarias, o Goberno explicou que o 9 de xullo é a primeira data dispoñible para o presidente, pois antes ten varios compromisos internacionais.
Por outra parte, o portavoz parlamentario do PP, Miguel Tellado, sinalou en conferencia de prensa que o seu grupo propuxo unha modificación da orde do día do pleno desta semana para que o xefe do Executivo comparecese este xoves, mais o PSOE opúxose, apoiado por EH Bildu.
Desde o PNV, por outra banda, explican que queren que a comparecencia teña lugar "o máis axiña posible". Entenden que esta semana ten a rolda cos aliados da investidura e que o PP non é quen de marcar a axenda de Sánchez, pero non comparten que as explicacións públicas deste último cheguen a mediados de xullo.
ERC tamén apoia que a comparecencia se produza canto antes polas moitas cousas que poden suceder en tres semanas.
Por outro lado, o portavoz popular tachou o presidente de "foraxido", pois non entende que non compareza esta semana.
Ademais, dixo que pediron unha reunión extraordinaria da Xunta de Portavoces para forzar un pleno extraordinario e monográfico sobre o caso Koldo e a presunta implicación do antigo secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán. Para a celebración deste pleno só necesita o apoio da maioría, non unanimidade.