Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda sobre Feijóo: "Representa a seriedade, limpeza e rectitude que a cidadanía demanda"

Rueda sobre Feijóo: "Representa a seriedade, limpeza e rectitude que a cidadanía demanda"

O presidente do PPdeG votou este luns pola candidatura do actual líder do partido

O PP esíxelle a Sánchez un pleno urxente para "dar as explicacións que aínda non deu"

G24.gal 16/06/2025 20:53 Última actualización 16/06/2025 21:33

 O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, ratificou este luns o seu apoio a Alberto Núñez Feijóo como "líder indiscutible" do Partido Popular, en especial nuns momentos nos que, na súa opinión, o líder nacional dos populares "representa a seriedade, a rectitude, a limpeza e a solvencia que a cidadanía demanda e España necesita máis que nunca".

Rueda fixo estas declaracións na sede provincial do PP de Pontevedra, ata onde se desprazou acompañado do presidente local do partido, Rafael Domínguez, para participar no proceso de votación ao candidato a presidir o PP nacional no próximo Congreso Nacional.

Sobre este congreso, demandou que "sexa a constatación do cambio que a maioría desexa e que só pode vir da man dun líder e dun partido que representan todas as garantías que a cidadanía está buscando".

"En Galicia coñecemos mellor que en ningún outro sitio que Feijóo representa todo o contrario dun Pedro Sánchez nun Goberno en descomposición e que cada día está máis falto de rumbo e máis sometido a chantaxes", apuntou Rueda, incidindo en que a "cidadanía quere que os seus gobernantes gobernen e solucionen problemas, non que lles mintan".

Sobre a comparecencia desta tarde de Pedro Sánchez, Rueda asegurou que foi "a constatación de que cada día está máis acurralado e cada vez resulta menos crible" e "deixou en evidencia que xa non é que non pense nos galegos e nos españois, se non que nin pensa no seu partido nin en nada que non sexa a súa supervivencia".

Sobre o BNG, Rueda dixo que lle gustaría saber que pensa facer a formación nacionalista. Na súa opinión o BNG foi ata agora "cómplice de moitas cousas e podería ter o argumento de que non sabía nada, pero, agora, si que se saben moitas cousas".

O líder dos populares galegos invitou aos nacionalistas a "demostrar que son certos os seus supostos manifestos de limpeza".

O PP pide un pleno urxente e monográfico

O portavoz do PP, Borja Sémper, esixiu este luns ao presidente Pedro Sánchez que compareza con inmediatez no Congreso nun pleno monográfico para dar "as explicacións que aínda non deu" sobre o caso de presunta corrupción que causou a dimisión do exsecretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán.

Sémper dixo que o que debe facer o presidente do Goberno é comparecer "con inmediatez" e "non cando o permita a axenda" do Congreso dos Deputados, e non para unha sesión de control senón nun pleno monográfico.

Se Sánchez non comparece xa no Congreso, esta mesma semana, mañá na xunta de portavoces, o grupo popular vai pedir que se someta a votación a súa comparecencia urxente este mesmo mércores, detallou o portavoz popular.

Sémper criticou duramente a intervención dun presidente que "perdeu calquera tipo de conexión coa realidade" e que estivo chea de "momentos delirantes". Entre outros asuntos referiuse ao anuncio de Sánchez de que se abrirá unha comisión de investigación no Congreso, cando xa hai unha no Senado.

É "outra das bromas de mal gusto que o presidente do Goberno quixo hoxe compartir cos españois", engadiu.

Sobre a posibilidade de que o PP, con maioría no Senado, chame a Sánchez a declarar á comisión sobre o caso Koldo na Cámara Alta, Sémper afirmou que aínda non o decidiron e que a "indignación" que sente o PP non vai a opacar "a serenidade" que teñen que ter á hora de presentar iniciativas e de chamar a comparecer nas diferentes comisións de investigación que están en marcha. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade