Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un novo atropelo na N-640 na Estrada deixa unha muller ferida

Un novo atropelo na N-640 na Estrada deixa unha muller ferida

É o segundo atropelo no mesmo punto en menos dun ano, e o anterior tivo unha vítima mortal

O accidente foi neste paso de peóns da avenida Benito Vigo
G24.gal 02/04/2024 14:34

O accidente ocorreu á media mañá na avenida Benito Vigo, no centro da Estrada. A muller cruzaba por un paso de peóns e un coche que baixaba levouna por diante. O condutor, que deu negativo en alcol e drogas, dixo que non a vira.

A vítima tivo que ser trasladada ao hospital de Santiago, "cunha fractura nunha perna e un traumatismo craneoencefálico", explica o xefe da Policía Local da Estrada, Javier García Calvo. Atribúe as causas a "un despiste do condutor" e aclara que, malia que a velocidade "era reducida", o impacto deixou "danos persoais importantes".

O sinistro foi un episodio máis na listaxe negra desta avenida, onde -din os veciños- son frecuentes os sustos e os accidentes. É un treito da estrada nacional 640, que une Caldas e Silleda. Leva moito tráfico, incluso pesado, e -ao estar no centro- tamén ten moito tránsito de peóns.

Veciños e policía piden medidas que poidan mellorar a seguridade na zona. Ao entender do xefe, Javier García, a instalación de semáforos restaría fluidez ao tráfico da avenida, así que contempla outras alternativas. "Sinalizacións luminosas, horizontais e verticais -explica-, ou reforzar os pasos de peóns cuns 'dentes de dragón', uns zigzags que se colocan en paralelo ás beiravías". 

A Policía Local conta 6 atropelos nestes pasos de peóns dende 2019. Deixaron dúas vítimas mortais, a última en agosto do ano pasado. Despois dese accidente solicitaron ao Ministerio de Fomento -responsable da estrada- un reforzo da seguridade na vía. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade