Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un morto e trece feridos nun incendio que arrasou 16.000 hectáreas en Francia

Un morto e trece feridos nun incendio que arrasou 16.000 hectáreas en Francia

A autoestrada francesa A-9, principal vía de comunicación por estrada entre España e Francia a través da fronteira da Jonquera, reabriu este mércores ao tráfico ao norte de Perpiñán

Permítese a circulación con limitación de velocidade, pero as autoridades piden evitar desprazamentos innecesarios

REUTERS/Manon Cruz REUTERS/Manon Cruz
G24.gal 06/08/2025 09:02 Última actualización 06/08/2025 17:31

O cambio na dirección do vento permitiu reabrir a circulación na tarde deste mércores na autoestrada A-9 ao seu paso por Perpiñán. O incendio comezou o martes ás catro da tarde xunto a unha estrada secundaria e avanzou rapidamente debido á seca e aos fortes refachos de vento.

A A9 estivo cortada dende o martes á altura de Rivesaltes e o peche afectou tamén outras estradas para facilitar o paso dos equipos de emerxencia. Isto provocou grandes retencións e colapsos noutras rutas alternativas.

Unha muller morta e trece feridos

O lume causou a morte dunha muller que rexeitou evacuar a súa vivenda en Saint Laurent de la Cabrerisse. Hai unha persoa desaparecida e dúas feridas, unha delas en estado moi grave.

Ademais, once bombeiros resultaron feridos, entre eles un de gravidade polo envorco do camión co que traballaban.

No operativo participan 1.900 bombeiros con 500 vehículos, apoiados desde o aire por seis hidroavións Canadair, tres bombarderos de auga Dash e tres helicópteros.

A A-9, clave para o transporte e o turismo

A A-9 é unha vía esencial para o transporte internacional por estrada, especialmente para os camións que cruzan España cara a outros países europeos. No verán, tamén soporta un tráfico intenso de turistas entre as costas mediterráneas de Francia e España.

Un dos incendios máis graves da historia de Francia

A ministra da Transición Ecolóxica, Agnès Panier-Runacher, dixo nas súas redes sociais que a superficie que xa arrasou o lume no macizo de Corbières equivale a todo o que ardeu en Francia en 2024 e o dobre que en 2023. De feito, é un dos incendios máis graves da historia en Francia.

Ata o de agora, o maior incendio que se produciu neste país, polo menos en tempos recentes, queimou 50.000 hectáreas de piñeiros ao sur de Bordeos en 1949, unha catástrofe en que ademais morreron 82 persoas.

O presidente francés, Emmanuel Macron, asegurou que "se mobilizaron todos os medios da nación" e mostrou o seu apoio aos bombeiros e ao resto dos que traballan contra as lapas, así como a súa confianza "no Goberno e nos cargos electos, plenamente comprometidos". O xefe do Estado pediu á poboación "a maior prudencia e que respecte as consignas das autoridades".

O lume comezou á beira dunha estrada e os investigadores dan por feito que foi provocado intencionada ou accidentalmente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade