Un morto e cinco feridos nun ataque con coche bomba contra unha clínica de fertilidade en California
Un morto e cinco feridos nun ataque con coche bomba contra unha clínica de fertilidade en California
O FBI fala dun "acto de terrorismo intencionado"
O estouro destruíu as oficinas onde a clínica atende as consultas, que nese momento estaban baleiras
Unha explosión provocada por un coche bomba deixou un morto e catro feridos en California, na cidade de Palm Springs. O coche estaba situado fronte a unha clínica de fertilidade.
O FBI fala dun "acto de terrorismo intencionado". O estoupido destruíu as oficinas onde a clínica atende as consultas, que nese momento estaban baleiras. Tamén houbo danos importantes en varios edificios lindeiros. A potencia da explosión espallou os cascallos ata case 200 metros ao redor.
O Centro Nacional de Dereitos das Mulleres atribuíu nun comunicado o acto de violencia á "retórica de odio da Administración Trump" dirixida a persoas que buscan e provén servizos de saúde reprodutivos, e asegurou que hai un aumento de ataques ao acceso a tratamentos de fertilidade.
O FBI dixo na súa conta de X previamente que está a investigar a explosión cun equipo que inclúe expertos en bombas xunto á Policía e os bombeiros locais.
A clínica American Reproductive Center, que realiza tratamentos de fertilización in vitro, dixo nun comunicado na súa conta de Instagram que ninguén do seu persoal está ferido e tampouco sufriron danos o seu laboratorio, nin os embrións, óvulos ou materiais médicos que alberga.
O comunicado está asinado polo doutor Maher Abdallah, que dirixe a clínica, baixo o título "eliximos a esperanza", e indica que o centro está a ser revisado e que planea abrir o luns con normalidade.