Un matrimonio e o seu fillo morren por inhalación de monóxido de carbono en Taboadela
A Garda Civil investiga se o suceso puido deberse ao uso dun xerador que lles deixara o concello para poder conectar un respirador
Outros tres mortos en distintas circunstancias en Ferrol, Betanzos e Dumbría
Dúas mulleres falecen en Madrid e Valencia en incidentes relacionados co apagamento
O 112 Galicia xestionou máis de 900 incidencias e recibíu preto de 3.000 chamadas desde a activación do PLATERGA
Un matrimonio e o seu fillo faleceron por inhalación de monóxido de carbono en Taboadela, Ourense. A investigación apunta a que a intoxicación puido deberse ao uso dun xerador, como sinalaba tamén o conselleiro de Presidencia Diego Calvo.
Os servizos de emerxencia confirman que se trata dun matrimonio de 81 e 77 anos e o seu fillo, de 56. Foron atopados no interior da súa vivenda este mediodía cando unha traballadora social se achegou á casa, como explicaba o alcalde Álvaro Vila.
Vila confirmou que o xerador foi proporcionado polo Concello sobre as 21.30 horas deste luns, despois de que o pai o solicitase ante a súa dificultade para respirar, debido á falta de subministración eléctrica para utilizar a súa respirador.
Segundo detallou o alcalde, o xerador, propiedade municipal, é "utilizado habitualmente en distintas actuacións por parte do Concello".
Tamén explicou que o aparello se atopaba fóra da vivenda, nunha dependencia independente ao fogar, en concreto, na adega, e contaba con "ventilación tanto por atrás como por diante".
O Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou que recibiu unha chamada sobre as 12:55 horas deste martes. Ata o lugar desprazouse o equipo de Atención Primaria da localidade e tamén se mobilizou unha ambulancia de soporte vital avanzado, aínda que finalmente non chegou a asistir.
Todos os indicios apuntan a unha intoxicación por monóxido de carbono, aínda que os investigadores estudan o ocorrido á espera de confirmar as causas que provocaron o falecemento dos tres ocupantes da vivenda.
A Garda Civil investiga se o suceso puido deberse ao uso dun xerador activado durante o apagamento, que deixou sen electricidade a Península este luns, para subministrar enerxía a un respirador médico.
O respirador era empregado polo maior do matrimonio que precisaba de respiración asistida.
Os investigadores pensan que unha mala combustión no xerador puido orixinar o monóxido de carbono que se estendeu ao interior do domicilio.
A policía xudicial está no lugar dos feitos e continúa investigando o suceso.
Outros dous feridos
O conselleiro de Presidencia informou tamén doutra intoxicación en Rianxo. Neste caso, dúas persoas quedaron feridas e tiveron que ser trasladados a un centro sanitario.
O aviso foi recibido no 112 Galicia ás 11:10 horas, a través dun particular que solicitaba asistencia sanitaria para unha muller que presentaba mareos e que refería un forte cheiro a gasolina no interior dunha vivenda situada na rúa Cartomil, na parroquia de Taragoña. Activouse un operativo no que participaron os Bombeiros de Boiro, os axentes da Garda Civil e da Policía Local, os efectivos de Protección Civil e o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que procedeu ao traslado das dúas persoas afectadas ao centro hospitalario de referencia con síntomas compatibles cunha intoxicación por monóxido de carbono.
Tres mortos máis noutras circunstancias
A Xunta comunicou o falecemento de tres persoas máis en Galicia, á parte das que morreron por inhalación de monóxido de carbono en Taboadela (Ourense), por "distintas circunstancias" durante o apagamento xeneralizado que afectou desde onte a toda a península ibérica.
Trátase dun home de 59 anos, con distintas patoloxías, que foi atopada morto en Ferrol pola súa sobriña cando foi a buscalo á súa casa; e doutro home de 80 anos en Betanzos, tamén na provincia da Coruña, que foi deixado en bo estado pola súa coidadora pola noite e apareceu falecido pola mañá.
Ademais, un home de 86 anos que vivía coa súa muller en Dumbría (A Coruña) faleceu esta mañá, segundo informou o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, en base ás incidencias durante o apagamento recollidas polo servizo de emerxencias 112
Desde a activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA), o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia rexistrou un total de 2.899 chamadas e coordinou a xestión de 931 incidencias en todo o territorio galego.