Un mal 3º cuarto condena ao Breogán contra o Gran Canaria no Pazo (74-82)
Os lugueses reaccionaron por dúas veces, pero o Gran Canaria aguantou a renda no último parcial
O Breogán segue con 13 vitorias, e apurará as opcións europeas na última xornada
O Breogán apañou outra derrota no Pazo, un paso atrás nas súas aspiracións europeas. O Gran Canaria entrou mellor no partido, cun parcial de 0-7 que o deixaba en vantaxe para o resto do primeiro cuarto. Entre Touré e Kurucs pechaban esa desvantaxe ata o 7-10, pero os canarios seguiron anotando para levar a vantaxe por riba dos dez puntos antes do remate do período (13-24). O segundo tempo foi diferente, co Breogán axustando e reducindo progresivamente a desvantaxe. Os galegos limitaron ao Gran Canaria a so 13 puntos, e ían anotando a base de triplas: Aranitovic, Grant e Vila ían limando a diferenza, con este último sumando tamén dúas canastras. Mavra, outra vez de tres, deixaba a Breogán un abaixo, aínda que ao descanso chegouse cun 36-40.
O Breogán culminaba a reacción a volta dos vestiarios, igualando a 40 e a 48. Pero, xusto despois, chegaba un parcial de 0-10 co que os canarios volveron colocarse 10 arriba a rachaban o partido. Avanzaba o terceiro cuarto e o Breogán non era quen de responder a esa ofensiva dos canarios. A sangría non remataba, e o parcial foi ao 5-24 que deixaba as cousas moi complicadas, logo de que o Breogán encaixara 32 puntos no terceiro cuarto.
Pero, unha vez máis, reaccionou o Breogán para reducir a fenda por debaixo dos dez puntos. E así avanzou o último cuarto, sen que os de Luis Casimiro fosen quen de achegarse máis no marcador. Ao final consumouse a derrota por 74-82. Kurucs comandou a anotación con 15 puntos, mentres Vila achegou 14 e Apic 10. Por parte do Gran Canaria, destacou na Homesley con 19 puntos e 26 de valoración.