Un informe xurídico considera que Balaídos "debe incorporarse á candidatura do Mundial 2030"
Foi encargado polo Concello de Vigo e conclúe que se "vulnerou o principio de obxectividade"
O informe xurídico encargado polo Concello de Vigo para analizar o posible amaño das sedes do Mundial 2030 por parte da Federación Española (RFEF) conclúe que se "vulnerou o principio de obxectividade" no proceso que deixou fóra á cidade galega e considera que debe incorporarse á candidatura.
O documento sinala que "os feitos poderían ter encaixe no delito de falsidade documental tipificado", aínda que non aprecia un "delito de prevaricación" ao non ser un asunto administrativo.
Porén, para confirmar esta cualificación de xeito concluínte sería necesario "acceder aos documentos presuntamente alterados e aos documentos de traballo supostamente utilizados, acceso que non foi posible polo rexeitamente da RFEF a entregalos, plenamente documentado mediante acta notarial".
A análise desaconsella ao Concello de Vigo iniciar actuación pola vía penal porque "implica a suspensión do resto de vías ata tanto se resolvera o proceso penal", cun resultado incerto. "Esta situación provocaría un atraso nas actuacións que afectaría negativamente a designación da candidatura de Vigo como sede do Mundial 2030, principal interese do Concello de Vigo".
Neste sentido, o despacho de avogados apunta que, logo da renuncia de Málaga, Balaídos debe incorporarse de xeito automático á candidatura porque "é a cidade suplente con meirande puntuación".