Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un home resulta ferido nun atropelo en Arzúa

Un home resulta ferido nun atropelo en Arzúa

O home cruzaba por un paso de peóns na parroquia de Boente cando unha furgoneta o levou por diante

Os veciños cren que o problema é a falta de visibilidade que hai de noite no paso de peóns

G24.gal 26/12/2025 12:48

O accidente ocorreu pouco antes das oito da mañá na estrada nacional que une Lugo e Santiago, á altura de Boente, en Arzúa. Un home cruzaba nun paso de peóns cando o atropelou unha furgoneta. O golpe sentiuse nas vivendas próximas.

"Estabamos na cama, sentimos un golpe, levantámonos e vimos que estaba o señor aí tumbado, e estaba a señora do golpe", conta unha veciña.

O primeiro que fixeron foi chamar a ambulancia e logo foron buscar a muller do home atropelado.

"Eu, cando saín, que me chamou o marido desta, cando cheguei xa estaba deitado. El di que tiña un golpe no ombreiro e un pouco na cabeza", di a muller da vítima.

Segundo asegurou a condutora da furgoneta, no momento do impacto non se decatou de que atropelara o home.

"A moza díxonos que notou o golpe, chegou arriba e deu volta para ver que pasaba, porque ela non se deu de conta de que lle dera ao señor", comenta a veciña.

O veciños cren que o problema é a falta de visibilidade que hai de noite no paso de peóns.

"A iluminación aí é moi escasa e, se lle sumamos que ás veces as velocidades son máis fortes, pois é unha zona perigosa", di un veciño.

Agora agardan que o seu veciño se recupere axiña das lesións. A ambulancia levouno para que recibise asistencia sanitaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade