Un frouxo Celta cae pola mínima en Anoeta
Todo no día que Aspas cumpría 400 partidos oficiais co conxunto vigués
A Real levaba case tres meses sen gañar un partido de liga
Acabou o partido e Coudet pasou pola sala de prensa para lembranos que o obxectivo do Celta é a permanencia. E logo volveu insitir en que ten un cadro de xogadores curto.
Aclaracións que veñen logo dunha semana que pecha coa eliminación da Copa e coa derrota ante un rival que lavaba case tres meses sen gañar un partido de Liga. Aclaracións que chegan tamén despois dun encontro no que Coudet sentou aos centrais que tan bo rendemento ofreceron hai unha semana ante o Betis -Carlos e Okay- e apostou por outros, Aidoo e Araújo.
Apenas se consumiran 12 minutos cando unha perda na medular e a desconcentración de Araújo ao tirar o fóra de xogo, facilitaron o gol da Real. O pase foi de Merino e o tanto de Oyarzábal. Foi o gol que marcou o partido, o da vitoria. Porque no resto a Real transitou con comodidade ante un Celta inoperante. Os vascos tiveron opcións pra resolver, en especial, nos balón por alto. Xa ben fose no balón parado ou en xogada. Diso tamén se laiou Coudet.
Pero hai unha semana non pasaba. Porque, ante o Betis, o Celta estivo máis centrado atrás, repregou mellor e saíu o espazo. En Anoeta adiantou as liñas e aos 12 minutos xa o pagou. Mais diso non falou Coudet, nin tampouco da intensidade. Clave no entender dos xogadores.
O único tiro do Celta en todo o partido foi este. Aspas. Minuto 85. E punto e final o paso do Celta por Anoeta.
Porque os soños son para cumprilos
O mal partido restoulle importancia, precisamente, ao seu gran protagonista. E é que, Iago Aspas facía onte 400 partidos co Celta. Unha cifra difícil de alcanzar. Un logro co que nin soñaba aquel rapaz de hai 23 anos, que se conformaba con meter un gol bonito co primeiro equipo.