Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feridos, arrestos e carga policial pola guerra da mexilla

Feridos, arrestos e carga policial pola guerra da mexilla

A anulación das últimas aperturas de zonas de extracción da cría do mexillón, por un erro de carácter técnico na tramitación, aviva as protestas

Liberdade con cargos para os dous detidos que pasarán a disposición xudicial nos próximos días

G24.gal 13/04/2023 11:55 Última actualización 13/04/2023 19:56

O conflito aberto por unha solución para a crise da mexilla recruouse cunha carga policial en Santiago, cidade en que os bateeiros protagonizaron unha nova reivindicación á que seguiron arrestos e mesmo houbo un ferido. 

Finalmente os dous detidos na protesta saíron de comisaría con liberdade con cargos despois de case oito horas de declaración ante a policía. Atribúenselles dous cargos: atentado contra a autoridade e altercados públicos e pasarán a disposición xudicial nos próximos días. 

Este problema, que enfronta bateeiros e percebeiros, ten moitas frontes e continúa porque as medidas anunciadas pola Xunta non contentan a todos. Esa e a razón pola que se manteñen as mobilizacións. Piden a derrogación do artigo 13 do decreto de decembro de 2019, que é precisamente o que regula os plans de explotación marisqueira.

O home ferido é Andrés, alcumando Peche, de Rianxo. Está no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e recibe atención médica, segundo informaron algúns dos seus compañeiros que participan nesta protesta.

A loita entre os traballadores que viven do mexillón e aqueles que o fan do percebe remóntase a décadas atrás e non foron poucas as veces nas que os enfrontamentos entre profesionais requiriron da intervención das forzas de seguridade.

Os ánimos están esta semana máis recruados se cabe porque luns a Xunta anunciou a anulación das últimas aperturas de zonas de extracción da cría do mexillón, por un erro de carácter técnico na tramitación.

A conselleira de Mar, Rosa Quintana, garantiu en Vigo que espera que poidan reabrirse "en próximas mareas".

O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que "a orixe desta cuestión" compete á Xunta e que supón que "está en posición de resolver". Sobre a concentración, comentou que non foi comunicada. 

Os manifestantes din que non se moverán ata velos libres

Son moitas as persoas que se xuntaron diante da comisaría da Policía Nacional en Santiago. Están concentradas e que berran consignas como: "Recíbennos a paus", entre peticións de dimisión de representantes autonómicos e esixencias de que liberen aos detidos.

As terrazas situadas na zona foron desaloxadas a efectos preventivos, por orde das forzas de seguridade.

A pesar de que as desavinzas en efecto veñen de moi lonxe, o detonante do problema actual foi o decreto de 2019 no que a Consellería de Mar da Xunta marca zonas de exclusión para protexer o percebe coa aspiración de buscar o equilibrio entre a supervivencia desta especie e a extracción de mexilla.

Con posicións inamovibles, a tensión incrementouse nos últimos meses pola escaseza da cría de mexillón e por un difícil contexto de diminución da salinidade da auga que obrigou a atrasar a apertura da campaña afogando con iso economicamente o sector mexilloeiro. 

Varios policías feridos e dous detidos segundo o SUP

O Sindicato Unificado da Policía, SUP-Galicia, condenou a violencia exercida polos manifestantes, que, afirman, deu como resultado varios axentes feridos e dous detidos. Aseguran que se van personar como acusación particular. O SUP amosou o seu total apoio a actuación policial.

Fontes policiais afirmaron que eran unhas 300 persoas as concentradas, sen comunicación previa, e que tentaron acceder ao edificio administrativo de San Caetano ao gabear polo valado, unha acción que foi impedida polas forzas de seguridade.

En resposta, algunhas das persoas concentradas guindaron obxectos, como pedras, aos axentes, e queimaron colectores do lixo, o que causou a intervención policial.

Conde apela a entendemento das partes para resolver crises da mexilla

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, apelou á "empatía" dos sectores implicados no conflito da cria do mexillón, para que haxa "entendemento" entre eles e poida chegarse a un "punto de encontro" para solucionalo.

Lamentou os "incidentes" e "enfrontamentos" rexistrados na protesta hoxe dos bateeiros -mexilloeiros-, á vez que expresou a súa "condena" a calquera tipo de violencia".
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade