Un fallo eléctrico, posible causa do incendio mortal de Covadonga
Os veciños do inmoble quéixanse de deficiencias nas instalacións
Tras unha tráxica ponte de Reis, os veciños de Covadonga van retomando as súas rutinas, co susto aínda no corpo. O lume que lles custou a vida a Valentina e a súa amiga Edilma xerou o caos en todo o edificio.
"Fatal, fatal, aínda estou moi nerviosa". "Empezaron a golpes e a patadas na porta, a timbrar, pero non fomos capaces, así que xa empezamos a avisar os veciños para que foran saíndo", comentan dúas veciñas.
Dúas veciñas lesionáronse durante a fuxida, coas escaleiras esvaradías pola auga.
"Foi caótico poque temos mascotas, mete as mascotas no 'transportín', esperta a nena... baixa polas escaleiras, que estaban molladas... eu caín dúas veces porque perdín de vista a nena e púxenme nerviosa. Rompín o coxis", sinala Celia, inquilina do terceiro andar.
Unha veciña captaba co seu móbil o estado en que quedou o salón da vivenda, agora precintada pola policía nacional. Sospeitan que o lume empezou nun cuarto e atribúeno, en principio, a un fallo eléctrico. Os veciños quéixanse das deficiencias das instalacións. Trátase dun edificio de promoción pública no que a maioría vive en réxime de alugueiro.
"A calefacción non a podemos poñer porque é carísima. Andamos todos con bombonas, así que puido ser moito peor". "Debían pechar isto porque cando chove non funcionan os ascensores, cóasenos a auga por todas partes, por moito que acendas a calefacción nunca quece nada...", quéixanse dúas veciñas.
Repatriación
Familiares dunha das falecidas xa se desprazaron ata Ourense para facerse cargo do corpo. Os trámites de repatriación son custosos e non saben, aseguran os veciños, se poderán afrontalos.