Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre un veciño da Laracha nun accidente de tráfico en Culleredo

Morre un veciño da Laracha nun accidente de tráfico en Culleredo

No sinistro víronse implicados un camión e dous turismos

G24.gal 12/11/2025 19:50 Última actualización 13/11/2025 14:20

Un home de 36 anos, veciño da Laracha, faleceu nun accidente de tráfico este mércores. O sinistro produciuse na estrada AC-523 que enlaza os concellos de Culleredo e Cerceda. 

Na alerta que recibiu o 112, a persoa explicou que se producira un accidente de tráfico entre un camión de caixa e dous turismos, sobre o quilómetro 4 da AC-523, no termo municipal de Culleredo. Ademais, indicou que podía haber xente atrapada nalgún dos vehículos.

Con esta información, desde a Sala de Operacións do 112 Galicia deuse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Arteixo, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local.

A dotación de Bombeiros tivo que intervir para liberar a unha persoa nun dos turismos e que xa estaba falecida. No outro coche tamén foi preciso liberar a unha muller ferida, que logo sería atendida polo persoal sanitario.

"O que vemos cando chegamos é que hai dous vehículos implicados e un camión ríxido. Un dos turismos está envorcado na cuneta, alí estaba o falecido, e o outro turismo estaba lateralmente empotrado contra o frontal do camión e, nese, hai unha muller atrapada. Consciente, pero atrapada", explica Marcos Deus Trullos, cabo do parque dos bombeiros de Arteixo.

Polo momento, non se coñecen con exactitude as causas deste accidente mortal.

"Estase investigando. Non temos aínda claras as causas, pero parece ser que o falecido subía co coche e, ao saír da curva, perdeu o control do vehículo, bateu contra o outro turismo implicado e, posteriormente, o camión atropelou os coches", engade Deus Trullos.

Agora, a Garda Civil de Tráfico traballa para esclarecer como aconteceu este accidente que mantivo a circulación interrompida durante un par de horas, provocando retencións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade