Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un falecido e 30 feridos por "fortes turbulencias" nun voo de Londres a Singapur

Un falecido e 30 feridos por "fortes turbulencias" nun voo de Londres a Singapur

Sete dos feridos atópanse en estado crítico

O avión tivo que facer unha aterraxe de emerxencia en Bangkok

Avión aterrizando no aeroporto de Bangkok cos feridos (Reuters)
G24.gal 21/05/2024 19:16 Última actualización 21/05/2024 20:32

Un británico de 73 anos morreu e 30 persoas quedaron feridas, entre elas sete en estado crítico, cando un avión da aeroliña Singapore Airlines que voaba este martes de Londres a Singapur foi sacudido por "fortes turbulencias", segundo informaron a compañía e as autoridades tailandesas.

O aparello, un Boeing 777-300 ER, partiu do aeroporto londiniense de Heathrow con destino á cidade estado asiática a noite do luns con 211 pasaxeiros e 18 tripulantes e 10 horas despois de despegar atopouse cunhas "turbulencias extremas". O piloto pediu, tras detectar unha emerxencia médica, aterrar de emerxencia no aeroporto de Suvarnabhumi en Bangkok, onde chegou arredor das 15:45 hora local (8:45 GMT).

Nunha conferencia de prensa nocturna, o director da compañía pública Aeroportos de Tailandia, Kittipong Kittikachorn, dixo que a vítima mortal puido falecer por un ataque cardíaco e indicou que os feridos, incluídos pasaxeiros con contusións craniais, foron ingresados nun hospital de Bangkok.

"Singapore Airlines ofrece o seu máis sentido pésame á familia do falecido", apunta a aeroliña nun comunicado publicado en Facebook, que precisou que o número de feridos ascende a 30, incluídos 18 que foron ingresados en hospitais de Bangkok.

Outros 12 foron trasladados e tratados en diferentes hospitais, mentres que o resto de pasaxeiros e membros da tripulación que o necesitaron recibiron asistencia médica no aeroporto de Bangkok.

"A nosa prioridade é brindar toda a asistencia posible a todos os pasaxeiros e tripulantes a bordo do avión. Estamos a traballar coas autoridades de Tailandia para brindar a axuda médica necesaria e enviando un equipo a Bangkok para brindar calquera apoio adicional", explica a compañía.

No seu último comunicado a compañía sinalou que entre os pasaxeiros atopábanse 56 australianos, 47 británicos, 41 singapurenses, 23 neozelandeses e dous españois, entre outras nacionalidades.

Conforme aos datos do portal FlightRadar, que rexistra os voos en todo o mundo, o avión de Singapore Airlines sufriu unha súbita perda de altitude durante 4 minutos, pola que descendeu desde os 37.000 ata os 31.000 pés (de 11.200 metros a 9.400 metros), cando aparentemente logrou estabilizarse.

"En canto ao avión, desde fóra parece estar ben. Pero por dentro é un desastre. (...) Servíronlles o almorzo (cando se produciu a turbulencia do aire), pero a maioría das persoas coas que falei estaban sentadas co cinto de seguridade posto", declarou Kittipong aos medios.

As redes sociais enchéronse de vídeos do interior do avión durante e despois das turbulencias.

 

 

Pola súa banda, o ministro singapurense de Transporte, Chee Hong Tat, expresou en redes sociais a súa "tristeza" polo incidente a bordo e expresou o seu "pésame" aos familiares da vítima mortal. 

Singapore Airlines foi recoñecida en varias ocasións como unha das mellores aeroliñas e o seu último accidente grave data do ano 2000, cando un aparello da compañía chocou durante a súa manobra de engalaxe na pista equivocada cun equipo de construción no aeroporto de Taiwán provocando a morte de 83 pasaxeiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar