Un estraño fenómeno meteorolóxico arrinca ducias de árbores en Ourol
A estrada que une Muras con Magazos, en Viveiro, permaneceu cortada durante un día e medio, ata que os operarios retiraron os troncos
O vento tirou e tronzou ducias de árbores na parroquia do Sisto, en Ourol. Sucedeu en Cabanas, nun lugar abrigado onde se cre que se formou un remuíño de aire de tal forza que puidese chegar a dobrar e arrincar os troncos de raíz. De feito, numerosos cañotos quedaron á vista nunha zona de moita pendente.
"A impresión que dá é que houbo un pequeno tornado. Estamos nunha ladeira dunha montaña, nunha zona moi abrigada onde nos temporais do inverno non adoitan caer árbores. E aquí atopámonos nun radio de cerca de cen metros moitas árbores arrincadas e outras partidas. As que quedaron en pé teñen as súas copas totalmente torcidas, polo que se nota que sufriron unha presión moi grande", sinala José Ramón Arís, Protección Civil de Ourol.
Como consecuencia da caída de tantas árbores, durante un día e medio permaneceu cortada a estrada que une Muras con Magazos, en Viveiro. Mentres non foron retirados os troncos, o tráfico desviouse por unha vía alternativa.
"Esta estrada une as parroquias de Bravos e O Sisto, aquí en Ourol, e desviouse polo Rego da Ponte, que sería a ladeira da montaña de enfronte. É unha estrada máis nova, cun mellor firme e con menos curvas, e xa habitualmente a xente prefire utilizar aquela vía. Ademais, nun treito duns tres quilómetros aquí non hai ningún tipo de cobertura de telefonía móbil. Entón, non causou un grande estrago porque xeralmente a xente vai por aquel lado da montaña en vez de vir por este", explica Arís.
Finalmente, a circulación de vehículos quedou restablecida unha vez foron retiradas as árbores que arrincou este estraño fenómeno meteorolóxico.