Un dispositivo no pescozo das vacas permite ao gandeiro estar comunicado con elas a través do móbil
Os creadores son dunha empresa de mozos innovadores de Lugo
Facilita a vida dos gandeiros de cría en extensivo e o benestar animal
Unha empresa de Lugo creou un innovador dispositivo que permite ás vacas comunicarse co gandeiro. Envía ao móbil información en tempo real da localización da res, canto come, canto camiña, se está en celo ou se vai parir. Unha aplicación moi útil sobre todo para as explotacións en extensivo que facilita a vida do gandeiro e mellora o benestar animal.
Rumi, que así se chama o dispositivo que leva no pescozo, monitoriza todo o que fan e interpreta o que a vaca nos quere dicir a través dos seus comportamentos.
Elio López conta que detectan anomalías, celos, partos complicados ou cando un animal sae da leira. Di que as vacas falan a través da nosa aplicación.
Os datos enviados polo dispositivo analízanse e que permiten realizar un diagnóstico moi eficaz sobre o estado da res.
O dispositivo leva pouco no mercado pero está a ter unha boa acollida entre os gandeiros españois. Como mozos innovadores que son, nesta empresa preparan o salto ao mercado suramericano e pensan xa en novos deseños adaptados a outras razas criadas en extensivo, como ovellas ou cabalos.