Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen un home polo incendio intencionado nunha vivenda ocupada en Santiago

Deteñen un home polo incendio intencionado nunha vivenda ocupada en Santiago

Os veciños aseguran que nos últimos meses había conflitos e trasfega constante relacionado co consumo de drogas

O home detido, que supostamente tiña subarrendado o inmoble tras ocupalo, pasa hoxe a disposición xudicial

Os bombeiros tiveron que mobilizar todos os efectivos para evitar que o lume se estendese ás vivendas contiguas

G24.gal 23/08/2022 14:03

Bombeiros e Policía Nacional teñen poucas dúbidas: o lume que deixou totalmente destruída a casa situada no número 32 da rúa do Medio, en pleno barrio compostelán de San Pedro, foi, probablemente, intencionado.

O mozo que ata onte ocupaba a vivenda explicaba que "haberá catro ou cinco meses que vivimos aquí e onte veu, como outras veces anteriores bastante mal, o que se supón que era o dono da casa". Engade que "quedaramos nun trato e estábame pedindo máis cartos". 

Non había ninguén na casa cando comezou o lume: "Eu estaba no centro e chamáronme para dicirme que a casa estaba ardendo".

O arrendador era en realidade outro ocupante ilegal que lle tiña subarrendado o inmoble. "Primeiro había outra xente", di o veciño da casa contigua, "e uns íanlles alugando a outros".

Asegura que o ocorrido "viámolo vir, eu chamei o propietario, que está nunha residencia en Carballo, e díxome que agora cambiaron a pechadura e non poden facer nada ata que haxa unha orde xudicial para botar esa xente de aí".

O suposto autor foi detido nas proximidades, cando os bombeiros aínda traballaban arreo para evitar, sobre todo, que o lume se estendese ás vivendas contiguas.

A idea, explica desde o parque de bombeiros Ángel González, "foi en todo momento evitar que se estendese ás vivendas laterais, e como había moita carga de combustible dentro foi unha tarefa complexa, porque había lixo, mobles, moitos restos, mesmo na parte traseira onde estaba o xardín, que tamén ardeu".

Preto das dez da noite, os nove bombeiros que estaban de servizo conseguiron evitar a propagación cara ás casas laterais.

Esta mañá, os veciños aínda tiñan o medo no corpo. Aseguran que nos últimos meses, había na zona conflitos constantes e idas e vidas de xente relacionada coa venda polo miúdo de drogas. "Era raro que non viñera a policía unha vez á semana", explican.

O home detido polo incendio pasará ao longo da xornada de hoxe a disposición xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade