Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido un home en Vigo por asasinar a súa veciña

Detido un home en Vigo por asasinar a súa veciña

O home asestoulle varias coiteladas no tórax

Saída do cadáver da vivenda na rúa Zamora en Vigo
G24.gal 23/10/2022 21:47 Última actualización 24/10/2022 09:41

Axentes da Policía Nacional detiveron este noite do domingo en Vigo un home como suposto autor dun homicidio nunha vivenda situada no número 70 da rúa Zamora, nas proximidades da praza da Independencia.

A agresión produciuse no interior da casa cunha arma branca, conforme os datos proporcionados pola Policía Nacional.  Un veciño acoitelou unha muller de 56 anos, de nacionalidade española, que vivía no mesmo inmoble, asestoulle varias coiteladas no tórax. Os dous vivían no segundo andar.

Foi a veciña do lado a que, preocupada polos berros da vítima, saíu ás escaleiras e viu as chaves da súa veciña postas e unha zapatilla no corredor polo que deu aviso á Policía.

A Policía Nacional informou de que o presunto autor dos feitos xa foi detido cando apareceu no lugar para entregarse, mentres os servizos de emerxencias se ocupaban da muller falecida.

Ata o lugar desprazáronse varias patrullas policiais ante unha grande expectación dos veciños. A comisión xudicial, coa xuíza e un letrado, procedeu ao levantamento do cadáver.

O home, ao parecer, estivo acosando a muller increpándoa durante os últimos días, e agardou a que ela entrara na casa para abordala. A muller xa lles amosara aos seus veciños a preocupación polo carácter maniático do seu veciño.

Nas próximas horas está previsto que pase a disposición xudicial o home de 63 anos detido por matar a súa veciña a coiteladas en Vigo. Segundo relataron os veciños da vítima, o agresor era conflitivo, tiña unha conduta violenta co resto de residentes do edificio e levaba tempo acosando a súa veciña de porta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade