A policía do Carballiño busca uns mozos armados cun machete, un coitelo e unha pistola simulada
Os individuos foron guindando os obxectos mentres fuxían tras decatarse da presenza policial
Obxectos intervidos pola Policía local do Carballiño
A Policía Local do Carballiño interveu un machete "de grandes dimensións", un coitelo e unha pistola simulada tras recibir un aviso acerca da presenza de varias persoas presuntamente armadas na rúa.
Os feitos producíronse sobre as 18:.20 da tarde deste pasado mércores. Ao decatarse da presenza policial, os individuos fuxiron a pé en dirección á estrada de Ourense, mentres ían guindando diferentes obxectos á rúa. O que portaba o machete saltou desde un terraplén duns 3 metros de altura cara a unha leira, perdendo a arma durante o salto e continuando coa fuxida.
Ao realizar o percorrido, os axentes localizaron o machete, así como un coitelo, unha pistola simulada e un patienete eléctrico que foron intervidos.
Ás 21:00 da noite unha persoa presentouse nas dependencias policiais preguntando polo patinete intervido, asegurando que "pertencía a un familiar seu", pero os axentes non chegaron a entregarllo, quedando o vehículo pendente de comprobacións.
A Policía Local continúa investigando o sucedido.