Unha de cada cinco persoas que padecen párkinson ten menos de 50 anos
É a segunda doenza neurodexenerativa máis frecuente despois do alzhéimer
Unhas 13.000 persoas conviven coa enfermidade en Galicia
Este luns conmemórase o día mundial do párkinson, unha doenza que se asocia á vellez pero que está presente noutras etapas da vida. De feito, unha de cada cinco persoas afectadas ten menos de 50 anos.
Despois do alzhéimer, é a segunda enfermidade neurodexenerativa máis frecuente. Malia a súa prevalencia, segue sendo unha gran descoñecida. Moitas persoas asocian o párkinson aos tremores, pero este é tan só un dos seus posibles síntomas.
Desde a Asociación Párkinson Galicia-Coruña aseveran que hai tantos tipos de párkinson como persoas afectadas.
"Non só os tremores son un síntoma característico. De feito, o 30% dos pacientes xamais teñen ese síntoma. A cada persoa a enfermidade amósaselle dun xeito diferente. Síntomas como a rixidez, a lentitude de movementos, trastorno do sono, alteracións visuais, tremor, ansiedade, depresión son os síntomas aos que poderiamos estar atentos", di Mila Oreiro, directora da Asociación Párkinson Galicia-Coruña.
Estímase que máis de 160.000 persoas conviven co párkinson en España, unhas 13.000 en Galicia.
"A franxa de idade onde maior diagnóstico hai é entre os 55 e 60 anos, pero non podemos esquecer que unha de cada cinco persoas teñen menos de 50 anos. É unha das cousas que queremos poñer enriba da mesa, que o párkinson non afecta só a persoas maiores", asegura Mila Oreiro, directora da Asociación Párkinson Galicia-Coruña.
O diagnóstico, insisten os expertos, non é sinxelo porque non hai unha proba específica que confirme a enfermidade. Nalgúns casos desde o primeiro síntoma ata a diagnose pode pasar un longo período de tempo.
"Para o diagnóstico son probas complementarias e tamén a visión do neurólogo ou neuróloga", engade Mila Oreiro.
Destacan que é moi importante que as persoas que padecen párkinson reciban terapias rehabilitadoras como logopedia, fisioterapia ou psicoloxía, que xunto cos fármacos lles permitan poder facer unha vida relativamente normal. A nivel social, din, é fundamental conseguir desestigmatizar esta doenza.