Un colexio inglés busca onde caeu o oso de peluche que mandaron á estratosfera
O osiño Bradfield desprendeuse do globo meteorolóxico cando alcanzou os 27.000 metros de altura
Cren que debe de estar nalgún punto de Inglaterra e piden axuda nas redes sociais para poñer un final feliz a este experimento científico
Levantou o voo. Destino, a estratosfera, alcanzar os 43 quilómetros de altura. Este experimento científico dun colexio inglés comezou placidamente. O globo meteorolóxico sucaba o ceo e o osiño Bradfield gozaba das vistas.
Seguiu subindo ata deixar as nubes debaixo. Pero ao alcanzar os 27 quilómetros sobre o nivel do mar o camiño complicouse. Bradfield resisitu e resistiu, pero acabaría caendo de volta á Terra.
Tamén caeu parte da carga do globo, cámaras incluídas. Apareceron nunha leira a uns 100 quilómetros do lugar en que o soltaron. Pero o osiño aínda non apareceu. Dende o colexio pediron axuda, calquera pista, a través das redes sociais. Difundiron un vídeo. Nel vemos como se solta do globo o tripulante.
Cren que Bradfield está nalgún lugar de Inglaterra. Atopalo suporía un final feliz para esta experiencia, unha maneira divertida de practicar ciencia.